O Museo de Pontevedra incrementa a súa oferta de visitas guiadas nun Nadal con obradoiros, espectáculos e catro exposicións temporais simultáneas
A programación de inverno do Museo inclúe o arranque das actividades do Ano Castelao e novos cursos divulgativos sobre música clásica e historia do cinema
09/12/2024
O Museo de Pontevedra desenvolverá nos meses de decembro, xaneiro e febreiro a súa programación de inverno, na que teñen unha presenza moi especial as actividades arredor do Nadal, cunha amplo programa para toda a familia. A inauguración este venres da mostra ‘Acisclo en 66 obras’ fará que o Museo conte nestas datas con catro exposicións simultáneas. E para convidar ao público xeral a coñecer mellor tanto as exposicións temporais como a permanente, incrementará a partir desta fin de semana a oferta de visitas guiadas.
Cada sábado, domingo e festivo, o Museo ofrecerá ás 12:00 h unha visita guiada á exposición permanente, na que se realizará un percorrido de arredor de 1 hora de duración para achegar ao público unha visión xeral da colección e coñecer con máis detalle algúns dos fondos máis destacados que se exhiben nos edificios Castelao e Sarmiento. As visitas á exposición permanente non requiren reserva previa, salvo que se queira concertar unha visita para grupo noutro horario diferente.
Este sábado comezan as visitas guiadas conxuntas ás exposicións ‘José Benito Otero Baena. Un pintor sen pinceis’ e ‘Inflitracións. Alberto Baraya. Vento’. Ambas mostras teñen en común o seu achegamento á cultura do mar e as súas embarcacións, aínda que desde presupostos moi diferentes. As visitas serán os sábados e os xoves ás 17:00 h. Nas mesmas datas, pero ás 18:00 h, terán lugar as visitas á mostra ‘Acisclo en 66 obras’. Estas últimas arrancan o sábado 21. En ambos casos é necesario reservar a visita previamente a través dun formulario que estará dispoñible na web do Museo.
As visitas ás exposicións temporais manteranse durante todo o tempo que estean abertas. Tamén as da mostra de xoguete antigo ‘É tempo de xogar’, que conduce os mércores e venres ás 18:00 h o coleccionista Juan Manuel Alfaya Ocampo. Neste caso non é precisa reserva previa, salvo que se queira concertar unha visita para grupo noutro horario.
Obradoiros e espectáculos para o Nadal
Durante as semanas das vacacións de Nadal o Museo vai ofrecer obradoiros para toda a familia. Do 21 de decembro ao 7 de xaneiro, calquera persoa que se achegue á exposición ‘É tempo de xogar’, poderá fabricar o seu propio xoguete para levar a casa, nun obradoiro de acceso libre xestionado polo departamento de Educación do Museo. Ademais, nas mañás dos días 26 e 27 de decembro e 2 e 3 de xaneiro terán lugar catro quendas independentes dun obradoiro de elaboración dun taumatropo, o máis antigo xoguete óptico precursor do cine. A inscrición a este obradoiro, impartido por Carmen Pintos, abre o próximo martes 17 de decembro.
A música soará desde o próximo martes 17 de decembro, no que o Museo acolle a IV Gala lírica de Nadal do Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga, na que actuarán o Coro II, o Coro Infantil e o alumnado de Canto, baixo a dirección de Nanette Sánchez e Cristina Suárez. Dous días despois, o xoves 19, o pianista arxentino Juan Carlos Cambas, que ten colaborado con estrelas como Dulce Pontes, Mercedes Sosa ou Silvio Rodríguez, repasa 30 anos de carreira nun concerto no que estará acompañado de Manolo Gómez no charango, Tarka Gulín en voz e violonchelo, e as cantantes Rosa Leiro e Jorgelina Piana.
Na programación de Nadal tamén hai lugar para as artes escénicas. A narradora Raquel Queizás presenta o venres 27 de decembro ‘Cinema de historias da man de Alice Guy’, un espectáculo que mestura narración, teatro e cinema para descubrirlles aos nenos e nenas o poder das imaxes a través da historia da pioneira do cinema Alice Guy. O xoves 2 de xaneiro, a compañía Píscore pon en escena ‘Molto barroco’, unha divertida montaxe que transita entre o teatro, a música barroca, a comedia e a participación do público. E ao día seguinte é a quenda dos monicreques, con Tarabelos e ‘Un Nadal cheo de contos’.
O programa centrado no Nadal prolóngase ata o 10 de xaneiro, no que o Coro Luis García Limeses e a Coral Polifónica de Pontevedra presentan na igrexa de San Bartolomeu o seu tradicional concerto ‘Despedida do vilancico’.
Castelao, cine e cultura mariñeira
En xaneiro e febreiro continúa a programación do Museo con novas propostas. O 7 de xaneiro cómprense 75 anos do pasamento de Castelao e é a data na que arrancarán as actividades no Museo para conmemorar esta efeméride. Ese día proxectarase o filme ‘Castelao: de chumbo a verba’, de Miguel López, e terá lugar a primeira das visitas guiadas especiais ás salas que lle dedica o Museo, que se repetirán o primeiro martes de cada mes.
O venres 10 de xaneiro haberá unha xornada dedicada á cultura mariñeira, con dúas actividades didácticas: unha charla sobre os aparellos de pesca, a cargo do patrón maior de Bueu, José Manuel Rosas Otero, e unha charla e obradoiro sobre a arte das redeiras e iniciación ao atado de redes de pesca, a cargo da artesá Amalia Puga e a Asociación de Redeiras Atalaia da Guarda.
O 15 de xaneiro arrancará a segunda edición do curso ‘Olladas musicais’, un achegamento á música clásica con audicións comentadas, e en febreiro o Museo incorpora un novo curso divulgativo, sobre o cine das décadas de 1950 a 1980. A presentación dun libro sobre Marcial del Adalid, unha conferencia sobre os instrumentos científicos relacionados coa provincia de Pontevedra e a terceira edición do seminario ‘Museos, Feminismos, Canon’ completan a programación que se estende ata fina de febreiro.