Juan Carlos Cambas: Notas da viaxe/30 anos de música
Xoves 19 de decembro, ás 19:00 h no Edificio Castelao
O pianista arxentino Juan Carlos Cambas percorrerá as súas tres décadas de carreira artística nunha viaxe integradora pola xeografía musical da Arxentina, con parada en Galicia. Acompañado por Manolo Gómez no charango e os artistas convidados Tarka Gulín, Rosa Leiro e Jorgelina Piana.
Juan Carlos Cambas dedícase profesionalmente á música desde 1992. Gañou o Festival Nacional de Baradero en 1995 na categoría de "solista instrumental" e gravou o seu primeiro CD, ‘Solo luz’ en 1997. Ao longo da súa carreira compartiu escenario con artistas da altura de Mercedes Sosa e Silvio Rodríguez. Desde 2002 reside en Galicia, onde leva 22 anos tendendo pontes culturais entre Galicia e Arxentina, labor pola que foi recoñecido como Embaixador da Música Arxentina polo Estado Arxentino en 2018. Desde 2009 colabora coa cantora portuguesa Dulce Pontes, percorrendo xuntos 26 países.
‘Notas da viaxe/30 anos de música’ é un proxecto que representa o ADN artístico de Cambas, unha biografía musical contada en primeira persoa a través do piano. O espectáculo busca transmitir músicas con identidade e pertenza, pensadas para almas viaxeiras, transcendendo fronteiras e creando unha ponte musical atlántica entre Arxentina e Galicia.
O concerto estrutúrase en tres partes principais: a primeira dedicada ao folclore arxentino e sudamericano, incluíndo ritmos como o carnavalito e a milonga pampeana; a segunda centrada na música galega, con baladas baseadas na poesía de Rosalía de Castro; e a terceira enfocada no tango arxentino, con obras de Astor Piazzolla e Carlos Gardel. Ademais, incluirá un segmento dedicado ao nadal coa "Misa criolla".