PUBLICACIÓNS

O Museo de Pontevedra, cumprindo coa función de difusión do patrimonio cultural que custodia, realiza un labor editorial que se inicia coa súa propia apertura ao público nas primeiras décadas do século XX.

Neses primeiros tempos as publicacións limitábanse a series de postais e follas de divulgación, aínda que sempre coa pretensión de dar a coñecer os fondos por medio de guías e catálogos, e promover a edición dos seus inéditos, especialmente da documentación do legado Sampedro, seguindo o labor iniciado pola Sociedad Arqueológica coa súa Colección de documentos inéditos para la historia de la provincia de Pontevedra.

Na década de 1940 organízase, de xeito máis ou menos estable, a actividade editorial, instituíndose a publicación do número correspondente da revista El Museo de Pontevedra, dos catálogos ou folletos informativos das exposicións realizadas cada ano, dos tradicionais nadais e de diversas monografías nas que se inclúen estudos sobre distintos aspectos da historia, da documentación ou da arte, principalmente de Galicia.

Actualmente podemos clasificar as nosas edicións en catro tipoloxías básicas: a revista El Museo de Pontevedra; as monografías, en xeral publicacións de fontes documentais custodiadas no rico arquivo documental do Museo ou estudos sobre diversos temas no ámbito especialmente pontevedrés e galego; e os catálogos de exposicións, que constitúen boa parte da súa produción editorial. Súmanse a estas, coedicións con outras entidades, libros dirixidos ao público máis novo, especialmente ao infantil, o material didáctico de produción propia e a colección Esenciais, na que se irán divulgando, cunha linguaxe amable e accesible a todos os públicos, pezas e coleccións destacables dos fondos do Museo.