Educación - Museo de Pontevedra
Proxecto educativo
O Museo de Pontevedra é un espazo de aprendizaxe e creación que busca a xeración de experiencias e coñecemento crítico en torno á conexión do pasado co presente. A partir das súas coleccións propoñemos unha ampla oferta educativa que atende ás demandas de públicos diversos e ofrece unha forma diferente de interaccionar coa arqueoloxía, a arte, a historia e o patrimonio cultural en xeral.
-
Comunidade educativa
Convertido nun recurso educativo de primeira orde, o programa recolle as accións transversais dirixidas a estudantes e profesorado como complemento da educación formal.
-
Para todos os públicos
O Museo como espazo interxeracional propón accións e actividades para familias e público infantil, mozo e adulto baixo formatos diferentes adaptados para todas as idades.
-
Conexión social
A partir da súa vocación eminentemente social, o Museo ofrece actividades que promoven a inclusión de públicos con diversidade funcional para que poidan gozar coas súas coleccións.
-
Acción cultural
Reforzando o vínculo que o Museo tece coa comunidade, os seus espazos convértense nunha ágora na que caben propostas que dialogan dun xeito diferente coas coleccións.
No Departamento de Educación conformamos un equipo amplo e preparado que integra diferentes perfís profesionais. A educación como proceso de aprendizaxe, formación e socialización é un marabilloso reto que esixe unha gran responsabilidade. O noso proxecto educativo configúrase como un servizo público e pensando nas necesidades de todas as persoas, polo que prestaremos atención ás vosas demandas e suxestións.
En colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela organizamos cada ano en outono as Xornadas sobre Museos e Educación Patrimonial, co obxectivo de que sexa un foro para o diálogo entre diferentes axentes que desenvolven o seu traballo no eido da educación en museos e universidades de Galicia, España e Portugal. Máis información na web das xornadas.
Grazas pola vosa confianza!