Visita virtual - Museo de Pontevedra

Visita virtual
Explora o Museo de Pontevedra e as súas coleccións a través dunha innovadora e suxestiva experiencia virtual que integra a dixitalización de espazos e obras en súper-alta resolución, o storytelling e a interactividade.
A través de varios niveis de alcance podes elixir o grao de afondamento que máis se adecúe aos teus intereses persoais:
- Un circuíto de benvida presenta brevemente as claves principais desta experiencia virtual e prepara a exploración libre de todas as salas e coleccións do Museo en 360º en resolución xigapíxel, incluíndo sesenta e dúas obras esenciais da colección con contido adicional.
- Sete itinerarios temáticos guiados e interactivos, que podes realizar de forma autónoma, a calquera hora e desde calquera lugar do mundo, permitiranche explorar novas narrativas e formas diferentes de ver a colección.
Tamén é posible participar en visitas guiadas interactivas conducidas polos nosos educadores en tempo real con grupos situados en diferentes lugares do mundo, algo que, para o Museo de Pontevedra, que conta cunha obra singular ligada ao exilio e á emigración, se converte nun instrumento fundamental para garantir a permanencia da memoria e consolidar os vínculos e afectos con esas comunidades.
Itinerarios temáticos
-
O Museo en quince obras
Percorrido xeral pola colección do Museo a través dunha selección de obras de gran relevancia que abarcan desde a Prehistoria ata o século XX, co predominio da arte galega pero tamén cunha serie de lenzos representativos da colección de arte española.
O Museo en quince obras- Tesouro de Caldas de Reis (Idade do Bronce, 2250-1500 a.C.)
- Retablo de Belvís (Ca. 1380 – 1400)
- João de Ruão (atribuída): A Virxe Branca (Ca. 1537-1541)
- Antonio Puga: A taberna (Ca. 1620-1640)
- Jenaro Pérez Villaamil: Paisaxe con río, castelo e escena de pescadores (1828)
- Fernando Álvarez de Sotomayor: Festa galega (1917)
- Ramón Casas i Garbó: Paisaxe con figuras. Montmartre (Ca. 1891)
- Joaquín Sorolla: Antes do baño (1909)
- Gonzalo Bilbao: Fábrica de tabaco de Sevilla (Ca. 1909)
- Alfonso Daniel Rodríguez Castelao: “Eu non quería morrer alá, ¿sabe, miña nai?” (Álbum Nós, 1916-1918)
- Alfonso Daniel Rodríguez Castelao: “A derradeira lección do mestre” (Galicia Mártir,1937)
- Arturo Souto: Feirantes (Ca. 1929)
- Maruja Mallo: Cabeza de negra (1946)
- Joaquín Sunyer: Espido (1925)
- Santiago Pelegrín: O profesor inútil (1928)
-
Nas salas de Arqueoloxía
Viaxe ás nosas raíces, desde a Prehistoria ata a romanización do noroeste peninsular, a través de once pezas relevantes da sección arqueolóxica do Museo de Pontevedra, entre as que se atopan o Tesouro de Caldas de Reis ou a estela de Vilar de Sarria.
-
A Arte galega do Medievo a Castelao
Percorrido por once obras senlleiras da arte galega que arranca na Idade Media e remata na obra dunha das figuras principais da historia e da arte galega do século XX, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
-
Renovación e vangarda na arte galega do século XX
Itinerario a través de dez obras que amosan o desexo de cambio e experimentación da arte galega ao longo do século XX, desde o desexo de fusionar tradición e vangarda ata a eclosión plena a partir dos anos 80.
-
Castelao, un artista e personaxe clave na historia de Galicia
Itinerario temático que afonda no estilo e pensamento do debuxante, pintor, escritor e político, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, figura principal na historia e na arte galega do século XX e na do propio Museo.
-
Artistas con M de Muller
Ignoradas ou esquecidas, nove das nosas creadoras atopan o lugar que endexamais se lles debeu negar a través deste percorrido escrito con “M de Muller”.
-
Tempos de angustia, terror e exilio
A arte en tempos de guerra é o fío condutor deste itinerario temático no que, a través da obra de catro artistas galegos e de oito obras seleccionadas, se mostra a dura represión que viviu Galicia durante a Guerra Civil.