Edificios - Museo de Pontevedra
Edificios
Se algo caracterizou desde as súas orixes o Museo de Pontevedra é o seu constante crecemento, tanto das súas coleccións coma das sedes que as custodian. Actualmente, seis son os edificios que o compoñen, todos eles situados no centro histórico da cidade. Tamén todos, a excepción do máis recente, de nova planta, son edificios históricos ou incorporan algún inmoble destas características, polo que a súa rehabilitación e o seu uso estiveron sempre unidos a esta singularidade, que os dota de beleza e historia.
Edificio Castro Monteagudo
O edificio escollido para albergar os fondos do Museo foi unha casa do século XVII situada fronte á praza da Leña, concretamente o número 12 da rúa Pasantería, propiedade de Casimiro Gómez Cobas, a quen se lle comprou en maio de 1928. A casa fora construída en 1760 como vivenda de José de Castro Monteagudo, primeiro auditor na provincia marítima de Pontevedra, de quen toma o seu nome.
Na súa historia, ademais de vivenda e museo foi tamén, no baixo, o local comercial La Imperial, a casa de comidas La Flor e o taller de carpintería de Rarrá; no primeiro andar, a Escola Unitaria de Nenos; e na parte do actual xardín con balaustrada, unha corte de porcos.
Na súa restauración interveu de maneira decisiva o artista e patrón fundador, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, como testemuña a correspondencia que sobre este asunto mantivo con outro dos patróns, Francisco Javier Sánchez Cantón, por aquel entón subdirector do Museo del Prado. A maioría das súas ideas tivéronse en conta polo arquitecto á fronte do proxecto, Juan Argenti Navajas.
Algúns dos cambios máis destacados que lle conferiron o seu aspecto actual ao edificio foron a construción dun pequeno patio axardinado, decorado coa balaustrada, procedente do palacio dos condes de San Román; a construción en 1943 da ponte de pedra que o comunicou coa nova sede, o pazo veciño da familia García Flórez; a reforma completa da planta baixa en 1951, por Robustiano Fernández Cochón; e, en 1955, a construción da actual torre.
Actualmente permanece pechado para a súa rehabilitación.
Ruínas de San Domingos
Trátase do edificio máis antigo dos seis que forman o Museo. Está constituído polos restos da antiga igrexa e do convento dominico da cidade, fundado cara a 1282, aínda que o que se conserva —a cabeceira da igrexa de cinco ábsidas, excepcional no gótico galego, parte do muro sur da igrexa e a entrada á sala capitular— correspóndese coas obras realizadas a partir de 1383.
O convento pechouse o 8 de decembro de 1836 debido á lei de exclaustración. Foi entregado á Junta de Enajenación de Edificios y Efectos de los Conventos Suprimidos de la Provincia de Pontevedra, a cal, á súa vez, o cedeu en usufruto ao Concello para instalar unha casa asilo. Durante o século XIX tamén tivo outros usos, como cárcere de mulleres, hospicio, casa cuartel da Garda Civil, escola de párvulos ou caixa de quintos.
En 1846, debido ao seu estado ruinoso, as autoridades municipais inician o proceso de derruba e reutilización da pedra en varias intervencións urbanísticas, coma a pavimentación das rúas. Novas derrubas acontecerían en 1880 e en 1886 por parte do Concello, que non cesaba no seu empeño, pero de novo serían interrompidas pola intervención dunha parte da cidadanía pontevedresa e, en especial, da figura de José Casal y Lois e da Comisión Provincial de Monumentos.
Salvado da demolición, en 1894 cederíase á recentemente creada Sociedad Arqueológica de Pontevedra, que o elixira como o lugar idóneo para instalar o seu museo.
O 14 de agosto de 1895, as Ruínas de San Domingos foron declaradas Monumento Nacional, co que se converteron no primeiro de Galicia xunto coa colexiata de Santa María a Real do Sar, en Santiago de Compostela.
Tras a morte de Casto Sampedro e Folgar, o 8 de abril de 1937, e a consecuente extinción da Sociedad Arqueológica, as Ruínas de San Domingos e todos os fondos que albergaban incorporáronse definitivamente ao Museo de Pontevedra e convertéronse, así, na segunda sede da institución tras o Edificio Castro Monteagudo.
Na actualidade, ademais dos restos arquitectónicos e escultóricos conservados do complexo conventual, exponse unha interesante mostra de escultura funeraria, con sepulcros nobiliarios e laudas gremiais, e a colección de heráldica.
Edificio García Flórez
Trátase do pazo construído a finais do século XVIII por Antonio García Estévez Fariña e a súa esposa Tomasa Suárez Flórez, para o que se aproveitou e respectou outro pazo anterior de menores proporcións.
É unha casa señorial urbana cun pórtico de tres arcos sobre columnas na súa fachada principal, na que se sitúa un grande escudo rematado coas armas desta familia. No lateral que dá á rúa Pasantería ofrece unha distribución de ocos en chanzos, que marca o ritmo das escaleiras do interior.
No momento de ser adquirido para o Museo, os dous andares estaban alugados ao Concello e o baixo á viúva de Paz Vidal como almacén da súa funeraria. Entre 1881 e 1930 foi a sede da Escola Normal de Mestras e, a comezos dos anos trinta, o primeiro andar pasou a albergar a Escola Graduada de Nenos e o segundo a vivenda do seu director.
Para a súa adecuación para sede de Museo, as reformas exteriores foron mínimas: retirouse o recebo do exterior e construíuse a ponte que o uniría coa primeira sede do Museo a través dunha xanela convertida en porta, entre outras cousas. Na fachada principal e sobre as esquinas do tellado colocáronse as esculturas da Esperanza e da Fortaleza, procedentes da portada do pazo dos condes de San Román, salvagardadas pola Sociedad Arqueológica.
As reformas no interior afectaron sobre todo á división e á distribución de espazos no primeiro e no segundo piso para adaptalo ás necesidades expositivas e inauguráronse o 15 de agosto de 1943. Tres anos despois, en 1946, modificouse substancialmente o baixo para a exposición de elementos arquitectónicos de interese histórico-artístico alleos ao edificio e a instalación da reconstitución da cámara de oficiais da fragata Numancia.
Actualmente permanece pechado para a súa rehabilitación.
Edificio Fernández López
É un edificio de nova planta pensado ex professo para fins museísticos, coa incorporación e conservación de vivendas históricas do século XVIII. As primeiras foron dúas casas, a número 10 e a número 8 da rúa Pasantería, que se compraron xunto co solar anexo á última. O 7 de abril de 1962 iniciáronse as obras, grazas, en boa medida, á xenerosa achega económica do empresario e filántropo José Fernández López, que lle dá nome ao edificio por acordo unánime do padroado.
O 25 de abril de 1962 aprobouse o proxecto definitivo para a súa construción, que se prolongou ata finais de 1965.
O edificio de nova planta, a base de cantería de pedra, conta con baixo, dous pisos e soportais sobre piares cuadrangulares en parte da fachada principal, que mira cara ao Edificio Castro Monteagudo e na que se instalou un escudo da cidade. Esta foi remodelada en 1972 ao engadir nos soportais os arcos sobre semicolumnas procedentes do pazo dos marqueses de Leis de Campolongo.
A casa número 8, malia ser integrada no novo edificio, recibiu un tratamento individualizado, xa que se mantivo a súa fachada primitiva cara á rúa Pasantería, grazas ao cal se pode apreciar no lintel da porta do balcón do primeiro piso unha inscrición coa data de 1714. Seguiuse o mesmo criterio para a incorporación da casa número 6 en 1976, aínda que nos anos noventa, cunha nova e definitiva ampliación, tras comprar as casas número 4 e número 2, a formulación foi algo novo. Os arquitectos Celestino García Brañas e Javier Reboredo, autores desta última ampliación inaugurada o 2 de maio de 2003, conxugaron tradición e modernidade, respectando as fachadas cos seus ocos, pero incorporando novos volumes e materiais na parte do xardín, na que destacan as estruturas de cristal e a cuberta de cobre.
A día de hoxe, o Fernández López é, fundamentalmente, o centro administrativo do Museo e a sede do seu arquivo, da súa biblioteca e da súa sala de investigación.
Edificio Sarmiento
Construído entre 1685 e 1714 en estilo Barroco baixo a dirección do arquitecto galego Pedro de Monteagudo, o Edificio Sarmiento levantouse como sede do Colexio da Compañía de Jesús xunto á súa igrexa, a actual parroquia de San Bartolomeu.
A súa fachada principal dá á rúa do mesmo nome, Sarmiento, realizada en cantería de perpiaños de granito. Na súa sinxeleza de liñas destaca a portada lintelada no ángulo máis próximo á igrexa, decorada con placas e pilastras e sobre a que figura o escudo do rei Carlos III, responsable da expulsión dos xesuítas en 1767.
No interior son dúas as zonas máis destacadas: o claustro de dúas plantas e a suntuosa escaleira pétrea que comunica a planta baixa, de fortes e fermosas arcadas na zona este, co primeiro e co segundo piso, asinada polo arquitecto Isidoro López e datada en 1722. Ao edificio engadíuselle posteriormente a parte que dá a rúa Padre Amoedo cunha fábrica de menor calidade.
Tras a expulsión dos xesuítas, o colexio foi sede das máis variadas empresas, coma as escolas de Primeiras Letras e Latinidade, patrocinadas polo Concello, a fábrica de tecidos dos irmáns Lees, almacéns ou o primeiro instituto da cidade. Entre 1903 e 1974 estivo ocupado polo Hospicio e pola Inclusa, unificados baixo o nome de Fogar Provincial en 1955.
Non será ata 1978 cando o Ministerio do Interior autorice a cesión do inmoble ao Museo de Pontevedra e en 1979 iniciaríanse, segundo proxectos dos arquitectos Ricardo Aguilar Argenti e Rafael Fontoira Surís. Aínda que en setembro de 1981 se celebrou no claustro unha exposición de gravados de Goya, a inauguración definitiva tivo lugar o 11 de agosto de 1984. Con todo, o seu aspecto actual débese á intervención que se acometeu a partir de 2008, baixo o proxecto de Eduardo Pesqueira e Jesús Ulargui, e que se inaugurou o 21 de agosto de 2013.
Nas súas salas permanentes expóñense os fondos arqueolóxicos da Prehistoria e a Antigüidade, as coleccións de louza de Sargadelos, cerámica de Pontecesures, unha selección das olerías nacionais máis representativas (Manises, Paterna, Sevilla, Toledo e Talavera) e a colección Sánchez Mesas-Fernández de Tejada, de arte española contemporánea e asiático-oriental.
Edificio Castelao
O Edificio Castelao é o único do conxunto construído integramente de nova planta e pensado desde a súa orixe como museo. Emprazado no soar que outrora ocupou a horta do Colexio dos Xesuítas, detrás da igrexa parroquial de San Bartolomeu e do Edificio Sarmiento, substituíu unha edificación previa da primeira metade do século XX, levantada como unha ampliación do Fogar Provincial.
Para a elección do novo proxecto, a Deputación Provincial convocou un concurso de ideas no que resultou elixido o dos arquitectos Eduardo Pesquera e Jesús Ulargui. As obras comezaron en 2004 e finalizaron en 2007, e a súa inauguración definitiva foi o 4 de xaneiro de 2013.
O edificio consta de seis pisos e dunha superficie de 10.000 metros cadrados, dedicados a salas de exposicións permanentes e temporais, obradoiros de restauración e montaxe, salas de reserva, cafetería, un auditorio e varios espazos multifuncionais.
Está organizado en dous bloques ben diferenciados: un de cristal, que une o Edificio Castelao co Edificio Sarmiento a través dunhas pasarelas voadas, e un segundo bloque de aspecto compacto e pétreo ao exterior, no que se atopan as salas de exposición.
Nos vinte e tres espazos nos que se mostra a colección permanente pódese percorrer a historia e a arte de Galicia desde a Baixa Idade Media ata a contemporaneidade, nun diálogo paralelo coa arte española doutras rexións. Algunhas das obras máis representativas son da autoría de figuras como Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, a quen debe o seu nome, Maruja Mallo, Joaquín Sorolla, Ramón Casas ou Fernando Álvarez de Sotomayor, entre outras.
Convento de Santa Clara
A última sede en incorporarse ao Museo de Pontevedra é o convento de Santa Clara. Trátase dun conxunto de edificacións e espazos exteriores que cobren unha área de máis de 12.000 m2 no centro da cidade. Fórmano a igrexa, as dependencias conventuais, unha ampla zona de horta e xardíns, e outras pequenas edificacións.
Fundado en 1271, foi fogar de monxas clarisas ata decembro de 2021, cando o adquiriu o Concello de Pontevedra. Máis tarde, en xaneiro de 2023, cedeullo á Deputación de Pontevedra para que pasase a formar parte do Museo de Pontevedra. O feito de ser un espazo de clausura situado na vila fixo que sobre el existisen lendas e misterios. Agora a cidadanía tivo a oportunidade de coñecelo en visitas guiadas e nas actividades que o museo e o Concello programaron na súa igrexa.
Santa Clara foi mudando ao longo do tempo. Algúns dos seus elementos arquitectónicos más destacados son de orixe medieval, coma a recoñecible ábsida gótica da igrexa, que data de 1362. Entre os séculos xvi e xviii sufriu importantes modificacións e ampliacións que lle conferiron, en gran parte, o seu aspecto actual, a pesar doutras alteracións realizadas en datas máis recentes.
No exterior da igrexa destacan os arcos apuntados de estilo gótico da cabeceira, a representación do xuízo final nas arquivoltas da porta principal, os canzorros con figuras animais e humanas, e a serie de escudos de familias vinculadas ao convento. No interior son salientables o retablo do altar maior (de estilo churrigueresco), as tumbas de persoeiros situadas nos laterais, os coros alto e baixo, e o órgano barroco.
No espazo conventual chaman a atención a portería, que comunica co exterior a través dun torno, e o claustro, que tivo tres lados, dos que só conserva dous. Outros espazos relevantes son os locutorios, as celas, a sala capitular, a bodega e o antigo refectorio.
A Deputación realizou un estudo arqueolóxico e histórico-artístico para coñecer mellor a historia e a evolución do convento. Sobre esta base realizarase o proxecto de rehabilitación do conxunto a través dun concurso internacional de proxectos que xa está en marcha. Xunto aos usos que se definan na súa integración no museo, está previsto que a horta e os xardíns do convento se abran para o uso e gozo da cidadanía e que a igrexa se manteña como salón de actos.