SOBRE A COLECCIÓN

A colección do Museo de Pontevedra constitúe un excepcional conxunto patrimonial de carácter público que reúne pezas dunha ampla variedade temática e de procedencia. Esta pluralidade incide de forma transversal no coñecemento da historia e da arte de Galicia, facendo posible un percorrido desde a súa prehistoria ata comezos do século XXI, á vez que dialoga con obras doutras zonas de España e do mundo, servindo de ponte entre culturas.

Pinturas, esculturas, debuxos, gravados, pezas arqueolóxicas, obxectos etnográficos, moedas, mobles, instrumentos musicais, xoias, fotografías, fondos documentais e bibliográficos, entre outros, compoñen este corpus que converte o Museo de Pontevedra nun referente cultural en Galicia.

A colección do Museo está en permanente construción, o que, unido á magnitude dos seus fondos, fai complexa a elaboración dunha síntese. Con todo, e a modo de apuntamento sucinto, son especialmente relevantes, por unha banda, dentro dos fondos arqueolóxicos as mostras de ourivaría antiga, entre as que destaca o extraordinario Tesouro de Caldas de Reis, a maior acumulación áurea da prehistoria do continente europeo.

Por outra banda, a colección de arte galega que vai desde a época tardoantiga ata a actualidade, con pezas tan destacables coma as dúas esculturas de profetas procedentes do Pórtico da Gloria ou a obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, figura principal da historia e da arte de Galicia do século XX. Ao seu carón, a pintura española dos séculos XV ao XX ofrece unha ampliación do contexto artístico noutras zonas xeográficas de España con obras de ilustres artistas, como Jenaro Pérez Villaamil, Joaquín Sorolla, Ramón Casas ou Maruja Mallo.

Destaca tamén a colección de cerámica de Sargadelos, Pontecesures e doutras olerías nacionais e estranxeiras, así como a sala dedicada ao violinista e pintor Manuel Quiroga ou as coleccións de pratería civil e acibechería compostelá, entre outras.

Son moitas as persoas e institucións que fixeron ou seguen facendo posible que este conxunto estea ao dispor da cidadanía, realidade que conseguiron grazas ao seu traballo, ao depósito e doazón de obras e á súa filantropía. Os seus nomes estarán sempre vinculados á historia da cidade e do seu museo.

Tamén che pode interesar