Historia

O Museo de Pontevedra foi fundado o 30 de decembro de 1927 pola Deputación Provincial a proposta dos deputados Gaspar Massó García, César Lois Vidal e Alfredo Espinosa Orrea. Con todo, non será ata o 10 de agosto de 1929 cando abra por primeira vez as súas portas ao público, coincidindo coa véspera das festas grandes da cidade dedicadas á patroa da provincia, a Virxe Peregrina.

Na súa orixe é fundamental o labor previo de salvagarda patrimonial que viña realizando a Sociedad Arqueológica de Pontevedra, fundada en 1894 por Casto Sampedro y Folgar, xa que o Museo nace co fin de completar e continuar o citado labor. Após o falecemento do seu fundador en 1937, nese momento tamén director do Museo, pasará a ser esta nova institución quen reciba e custodie a extraordinaria colección de obras de arte, pezas arqueolóxicas, documentos, libros, fotografías e demais bens que a dita sociedade atesourara.

Constituíron o primeiro padroado encargado da xestión do Museo:

Presidente: Daniel de la Sota

Director: Casto Sampedro y Folgar

Vicedirector: Gerardo Álvarez Limeses (foi director accidental desde o 9 de abril de 1937 ata a súa morte o 12 de febreiro de 1940)

Secretario: José Fernando Filgueira Valverde (director desde o 23 de marzo de 1940 ata o 23 de decembro de 1986)

Tesoureiro: Raimundo Riestra Calderón, marqués de Riestra

Patrón encargado da biblioteca: José María Millán

Vogais: Antonio Losada Diéguez, Enrique López de la Ballina, Juan Argenti y Navajas, Francisco Javier Sánchez Cantón e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

O Edificio Castro Monteagudo foi o elixido como a primeira sede do Museo, un pazo do século XVIII situado no centro histórico da cidade que a Deputación adquiriu e rehabilitou para tal fin.

Desde a súa apertura, o Museo exhibiu non só obras de ámbito pontevedrés ou rexional, senón tamén nacional e internacional, como as depositadas polo Museo del Prado e a Real Academia de Bellas Artes de San Fernando de Madrid.

O rápido e continuo crecemento das súas coleccións é unha constante no seu devir histórico. Compras, depósitos e doazóns, tanto de particulares coma de institucións, explican a sucesiva incorporación de novas sedes ata chegar ás seis actuais.

Desde 1986 ata 2018 estivo á fronte da súa dirección José Carlos Valle Pérez, que foi sucedido por José Manuel Rey García. Desde outubro de 2023 a súa directora é Ángeles Tilve Jar.