Residencias - Museo de Pontevedra
Residencias artísticas
O Museo de Pontevedra apostou nos últimos anos polas residencias como fórmula para apoiar a investigación artística de novas e novos creadores. Fronte ao modelo tradicional de premio ou certame, a residencia ofrece tempo, espazo e acompañamento para desenvolver un proxecto, contrastalo con outros contextos e compartilo con distintas comunidades profesionais. Con esta orientación, esta institución recupera o espírito das pensións que a Deputación de Pontevedra lles concedeu de 1864 a 1982 a artistas do país, decisivas na renovación da arte galega en diferentes momentos históricos.
Coas residencias, o museo quere apoiar a creación contemporánea e darlles visibilidade a proxectos artísticos novos; favorecer a formación e a promoción da arte; e impulsar a investigación, a innovación e a experimentación. Tamén procura contribuír a tecer redes creativas e colaborativas desde a teoría e a práctica, e proxectar internacionalmente a produción artística do territorio.
Esta liña desenvólvese desde a reformulación de Novos Valores, que naceu como un certame de artes plásticas e que no 2025 pasou a ser un programa de residencias artísticas internacionais. En colaboración coa Fundación Walter & Nicole Leblanc de Bruxelas e con Matadero Madrid, en cada edición dúas persoas creadoras, investigadoras ou comisarias da provincia fan unha estadía de catro semanas na capital belga e outra de tres meses na española. Os proxectos resultantes preséntanse na Bienal de Pontevedra: na edición de 2025 mostráronse os de Carlos Fer e Andrea Davila Rubio, e dous anos máis tarde farano os de Sol Mussa e Sara Piñeiro, seleccionadas na convocatoria de 2026.
Esta non é a única iniciativa neste eido. O museo convocou no 2024 unha residencia internacional de investigación artística ou curatorial no Instituto Arte Xénero Natureza da Academia de Arte e Deseño de Basilea, da que foi beneficiaria Andrea Davila Rubio. E no campo das artes vivas, no 2026 o convento de Santa Clara acolleu, en colaboración co Colectivo RPM, a residencia do bailarín e coreógrafo Fran Martínez, quen desenvolveu o proxecto Transfixión, presentado despois na Bienal de Artes Vivas de Pontevedra en xullo do mesmo ano.
Con todas estas iniciativas, o Museo de Pontevedra afianza as residencias como unha vía para acompañar artistas emerxentes nun momento clave da súa carreira e conectar a creación da provincia con centros de referencia de fóra. Esta aposta, que se articula a través de convenios con institucións de prestixio e convocatorias abertas, busca, ademais, que a investigación artística chegue ao público e se integre na vida do museo e na bienal.