Investigación - Museo de Pontevedra
A investigación no museo
A investigación forma parte da razón de ser do Museo de Pontevedra desde os seus inicios. Coñecer en profundidade as coleccións, o seu contexto histórico e os edificios que as acollen é a base sobre a que se constrúen a conservación e a difusión do patrimonio. Por iso, o museo entende a investigación como unha tarefa continua que se nutre do traballo do seu persoal técnico e da colaboración con universidades, centros de investigación e especialistas de diferentes disciplinas.
Ademais do estudo das coleccións propias, esta institución desenvolve liñas de traballo arredor da arte galega, das novas perspectivas na museoloxía, do papel da educación nos museos, das innovacións no ámbito da conservación e a restauración e da relación entre arte e exilio en Galicia. Estes ámbitos contan cunha programación estable ao longo do ano, con conferencias, xornadas e seminarios que reúnen especialistas e persoas interesadas para compartir e debater novas achegas.
Nesta sección atopará información sobre a sala de investigación, con acceso á biblioteca, aos arquivos e á documentación do museo, así como sobre os seminarios e as conferencias programados. Este centro publica desde 1942 unha revista na que recolle artigos de investigación sobre as coleccións propias, historia, historia da arte e patrimonio en xeral; una actividade editorial que se completa con catálogos e monografías.
Con todo isto, o Museo de Pontevedra aspira a ser un espazo aberto ao estudo e ao intercambio de ideas, ao servizo tanto da comunidade investigadora coma de calquera persoa interesada no noso patrimonio histórico e artístico.