José Benito Otero Baena, un pintor sen pinceis
Comisaria: Beatriz de San Ildefonso Rodríguez
Exposición antolóxica do pintor José Benito Otero Baena (1925-2017), composta por arredor de 40 óleos e debuxos procedentes do Museo Massó e de coleccións particulares, datadas entre 1949 e 2016. Nelas pódese apreciar como o artista foi desenvolvendo un estilo persoal e unha linguaxe propia, baseada na importancia da cor.
Conseguir unha forte intensidade cromática e converter a cor na protagonista súas composicións foron os obxectivos que acadou ao substituír o pincel pola espátula, coa que modelaba o pigmento aplicado con agresividade. Transgrediu intencionadamente as tonalidades da natureza para que a súa obra se afastase da representación mimética da realidade e a deformase conscientemente a través da luz e da cor, para transmitirnos as paisaxes tal e como el as vía.
Otero Baena sentiu desde neno a necesidade de trasladar ao lenzo a paisaxe da súa localidade natal, Bueu, onde naceu en 1925. A súa obra chamou a atención do debuxante e crítico de arte Ramón Peña, responsable do faladoiro matutino do Café Savoy de Pontevedra, centro de reunión de artistas e escritores que Otero comezaba a frecuentar. Foi precisamente Ramón Peña quen, en 1951, escribiu unha magnífica crítica das paisaxes que Otero exhibiu na sala pontevedresa de Educación y Descanso e tamén quen o animou, en 1952, a solicitar unha pensión da Deputación de Pontevedra para estudar pintura en Madrid. Pouco antes de emprender a viaxe expuxo na Sala Velázquez de Vigo, onde quedou patente a súa intención de buscar a beleza pura da paisaxe galega, sen elementos anecdóticos. Vigo era o outro centro cultural ao que acudía Otero, onde se reunían xornalistas do Faro de Vigo e de El Pueblo Gallego, escritores, profesionais liberais e artistas coma Laxeiro, Xavier Pousa, Rafael Alonso ou Lugrís, ao que tivera a oportunidade de coñecer en 1942 cando este pintaba unhas grandes teas para o comedor das empregadas da fábrica de Massó.
En Madrid matricúlase no Círculo de Belas Artes coa intención de estudar na Academia de San Fernando, pero todo se trunca cando a Caixa de Aforros de Bueu, onde traballaba desde 1949, non lle renova a excedencia laboral e se ve obrigado a regresar. A pesar diso, non renuncia a seguir pintando e estudando co apoio dunha biblioteca especializada en arte, un intenso traballo co que logra un estilo persoal, unha linguaxe propia coa que expresar a súa visión da paisaxe e das escenas de pesca, nas que queda patente a súa especial predilección polo mar.
A súa fecunda actividade pictórica reflíctese no elevado número de exposicións individuais e colectivas que percorren Galicia, á vez que a cor adquire cada vez maior protagonismo na súa obra; emprega con valentía o amarelo para interpretar a luz que atravesa as nubes, transformando o ceo nunha explosión de dourados. O bulicio do colorido é, probablemente, consecuencia da súa admiración por Turner e intensifícase ao substituír o pincel pola espátula, coa que modela o pigmento. Conseguir unha forte intensidade cromática e converter a cor na protagonista das súas composicións eran para el un obxectivo, que alcanzou aplicando a cor con agresividade e transgredindo intencionadamente as tonalidades da natureza.
Un intenso labor que se paralizaba entre 1971 e 1979 porque, ademais de seguir traballando na Caixa de Aforros, foi nomeado alcalde de Bueu. As novas obrigas absorbíanlle demasiado tempo, e pinta esporadicamente ata 1989, ano no que se xubilou e retomou a espátula e o óleo para volver pintar os mesmos temas, pero non do mesmo modo; o seu estilo evoluciona cara a unha nova forma de expresar a cor, que tempera a violencia ao empregar tons suaves, o que, unido á súa constante procura da luz, ocasiona escenas asolagadas de claridade.