Gabarrón atlántico. Ronsel de saudade

Datas: 16/03/2023 - 14/05/2023
Localización: Edificio Castelao

Comisario: Antón Castro

Esta exposición mostra por primeira vez, de maneira comprensiva e diacrónica, o vínculo e a influencia de Galicia na obra e vida de Cristóbal Gabarrón, que desde finais da década de 1990 pasa longas tempadas na súa casa e estudio en Bueu, na ría de Pontevedra.

As arredor de cen pezas que conforman a exposición, entre pinturas, esculturas e instalacións, permiten gozar da diversidade de linguaxes, materiais e formatos cos que traballa o creador murciano. A obra presente mostra a influencia da cultura, da paisaxe, da luz e da orografía da costa atlántica, e tamén da tradición da pedra desde os puntos de vista da etnografía, a antropoloxía e a identidade.  

Cristóbal Gabarrón naceu en Mula (Murcia) en 1945, pero aos 6 anos trasladouse a Valladolid, onde adquiriu a súa primeira formación. A súa creación reflicte o seu carácter nómade, que o levou a viaxar por múltiples países e a ter a súa residencia principal en Nova York. Na actualidade desenvolve o seu traballo entre Estados Unidos e España.

A  súa obra defínese como “antropocéntrica”, situando o individuo, a conciencia  e os valores humanos como piares nos que se asenta. Con ese espírito realizou desde a década de 1980 importantes traballos para o olimpismo e organizacións internacionais como a ONU e o IOC. As súas esculturas para o espazo público atópanse en lugares relevantes de grandes cidades europeas e estadounidenses. E importantes institucións museísticas como o Chelsea Art Museum, o IVAM ou o Centro Niemeyer dedicáronlle retrospectivas.

Sobre as súas creacións, sinala Cristóbal Gabarrón: “nunca fun moi partidario de revelar o contido dunha obra, é como contar o final dunha película. Estou máis a favor de motivar a creatividade, de converter cada obra nunha ferramenta suxestiva que esperte a imaxinación e a capacidade de construír relatos propios de realidade ou ficción, asociados a situacións incluso persoais”.

A exposición acompañarase da edición dun catálogo no que o comisario, Antón Castro, analiza as claves da obra de Gabarrón, ao que entrevista (un fragmento desa entrevista en vídeo pódese ver tamén na sala expositiva). O catálogo contará tamén con ensaios de Alberto Barciela, Pilar Corredoira e Ramón Rozas. 

 Dossier para medios de comunicación


Obradoiro infantil e charla

Venres 14 de abril no Edificio Castelao: obradoiro infantil ‘Siega verde’ de 17:00 a 18:00 h; charla entre Cristóbal Gabarrón e Antón Castro ás 19:00 h.

Claves da exposición

Os sábados ás 12.00 h. Sen inscrición previa