Sinopses - Museo de Pontevedra
Resumos das presentacións e actividades
Gloria Cortés Aliaga
Conferencia inaugural, martes 8 de xullo, 19 h
“Chile e España: Tres momentos. Unha lectura desde os feminismos”
Presentación de tres momentos clave de intercambios e relacións entre mulleres intelectuais españolas e chilenas, que ilustran a conformación de redes e asociacións colaborativas que vehiculizaron a propia organización social das mulleres, a súa autorrepresentación e a súa comprensión do presente, no marco dunha modernidade atravesada por diversas tensións e onde estaban excluídas como suxeitas sociais e políticas. Os tres momentos analizados están marcados polo rol activo da muller na súa loita por participar na esfera do público, xa sexa como opinantes, educadoras ou artistas. Desde a presenza de Belén de Sárraga en Chile (momento 1) e os seus efectos nos primeiros movementos de mulleres; transitando pola experiencia de Gabriela Mistral en España, as súas relacións coa artista chilena Laura Rodig e as accións antifascistas contra Franco (momento 2); ata a deriva do exilio español e a chegada en 1939 de artistas e intelectuais femininas coma Roser Bru ás costas chilenas (momento 3).
Paulina y el Buscapié
Concerto, martes 8 de xullo, 20 h
Paulina y el Buscapié é un grupo musical fundado en Oaxaca, México, en 2009. A súa proposta entrelaza a raíz do son tradicional coa forza da creación contemporánea. Neste concerto, Paulina Tenorio e Emiliano López comparten sons vivos do sur de México e cancións propias que evocan o amor, a memoria e a identidade.
María Fidalgo Casares
Mesa 1: Artes visuais, mércores 9 de xullo, 10.30 h
“Julia Minguillón, pintora lucense. Periplo artístico e vital en Guatemala”
Julia Minguillón (Lugo, 1906-Madrid, 1965) foi unha das pintoras galegas máis relevantes do século xx. A Deputación de Lugo outorgoulle unha bolsa para a Academia de Belas Artes de San Fernando en 1931, onde se licenciou. Entre os seus méritos destaca o ser a primeira muller na historia que obtivo a medalla de ouro nas importantes exposicións de belas artes e ser membro da Real Academia Galega. A obra galardoada con esta medalla, Escola de Doloriñas, centrada nunha escena dunha escola rural galega de Vilanova de Lourenzá e o labor dunha mestra dunha escola de ferrado, atesoura non só valores artísticos, senón sobre todo etnográficos que a converteron nunha das pinturas máis identitarias da cultura galega. De brillante traxectoria nun mundo de homes, Julia Minguillón cultivou todos os xéneros cunha esmagadora presenza feminina nos seus lenzos. Aínda que expuxo con éxito en distintas cidades europeas, hoxe non goza do recoñecemento merecido por non apostar por linguaxes vangardistas que se consideran as máis relevantes do século xx e ser eclipsada pola coincidencia cronolóxica e espacial coa surrealista Maruja Mallo. Dentro do seu periplo artístico incluíu estancias de estudos e experiencias no estranxeiro. Entre os países elixidos, un deles foi Guatemala, ao final da súa vida. O relatorio repasará a súa traxectoria artística facendo fincapé neste capítulo americano. Este 2025 fanse 60 anos da súa morte, de aí a conveniencia de lembrar esta efeméride nestas xornadas.
Ute Seydel
Mesa 1: Artes visuais, mércores 9 de xullo, 10.30 h
“Tres surrealistas europeas exiliadas: esoterismo, misticismo, chamanismo e interese nas expresións culturais amerindias”
Eva Sulzer, fotógrafa e coleccionista de arte prehispánica de orixe suíza, trabou amizade con Leonora Carrington e Remedios Varo en México. Converteuse, incluso, en mecenas da pintora española e os restos de ambas descansan na mesma tumba. A fotógrafa suízo-mexicana aparece mencionada nos diarios e como personaxe literaria nalgúns relatos oníricos de Remedios Varo, ademais de que os soños de Sulzer deron pé a cadros como El gato helecho (1957) da artista. A suízo-mexicana foi, así mesmo, a produtora da curtametraxe documental Remedios Varo (1913-1963), dirixida por Jomí García Ascot. Non só a inclinación de ambas as amigas polo onírico e as filosofías esotéricas as unía tamén con Carrington; ao contrario, compartían con ela o interese pola arte precolombina e o chamanismo e tiñan vínculos afectivos tamén con Kati Horna. O relatorio céntrase na obra de Varo, Carrington e Sulzer; en particular, os mundos oníricos e imaxinarios, inspirados no esoterismo, o misticismo espiritual de George Gurdjieff e o chamanismo dos pobos orixinarios das Américas en que se movían e que se plasmaron nos motivos pictóricos e nalgúns dos seus escritos. No caso de Sulzer a charla centrarase nalgunhas das súas fotografías de arte e pezas amerindias, así como de zonas arqueolóxicas. Entre outros aspectos, o relatorio indagará sobre a pregunta de se esas fotografías de Sulzer foron tamén fonte de inspiración da obra pictórica das creadoras provenientes de Inglaterra e España. A conferencia nútrese de investigacións recentes sobre diversas coleccións doadas ao Museo Kaluz, ao Museo de Arte Carrillo Gil e ao Museo de Arte Moderna.
Carmen Gaitán Salinas
Mesa 1: Artes visuais, mércores 9 de xullo, 10.30 h
“A colaxe: a práctica transatlántica de Amparo Segarra”
Amparo Segarra desenvolveu unha orixinal práctica da colaxe desde os anos 50, influída polo surrealismo e marcada polo exilio, o feminismo e unha imaxinación crítica. As súas primeiras obras, realizadas xunto ao seu marido, Eugenio Granell, serviron como orientación visual para estudantes viaxeiras, pero tamén anticiparon a súa propia linguaxe. Ao longo da súa vida —tras fuxir de múltiples ditaduras en Europa e América—, Segarra utilizou a colaxe como ferramenta de resistencia fronte aos discursos dominantes, cuestionando os roles de xénero, a(s) identidade(s) e o poder colonial. Mediante imaxes fragmentadas, obxectos cotiáns e símbolos relixiosos ou científicos, configurou unha poética do desprazamento atravesada pola estranxeiría e a afectividade. A súa obra dialoga coa psicanálise, os feminismos transnacionais e o détournement surrealista, subvertendo estereotipos desde o humor, a ironía e a crítica visual.
Violeta Quispe
Conversación con Agar Ledo, comisaria adxunta da bienal de Pontevedra, mércores 9 de xullo, 12.45 h
“ÑAMPAQ ÑAWI, QHIPAQ ÑAWI: memoria, afecto e reparación"
No marco da 32 Bienal de Arte de Pontevedra, levarase a cabo unha conversación entre a comisaria adxunta da bienal, Agar Ledo Arias, e a artista Violeta Quispe Yupari, orixinaria da comunidade indíxena de Sarhua, Aiacucho. O encontro terá lugar no Pazo da Cultura, unha das sedes principais da bienal, fronte á instalación ÑAMPAQ ÑAWI, QHIPAQ ÑAWI (Ollo ao pasado, ollo ao futuro), obra composta por unha escultura e dúas pinturas que reflexionan sobre o sentimento do medo desde unha perspectiva ancestral, cultural e política. A obra de Quispe Yupari explora o medo como fonte de trauma vinculado á guerra interna, aos desprazamentos forzados e ás desigualdades derivadas do racismo e o clasismo sistémicos. Tamén como forza transformadora que posibilita a empatía, a curación colectiva e o fortalecemento da identidade cultural indíxena. Proveniente dunha tradición milenaria e como parte da segunda xeración de mulleres artistas da súa comunidade, a creadora aborda, ademais, as interseccións entre xénero, etnia e diversidade sexual en contextos de exclusión e violencia estrutural. A conversación permitirá profundar na dimensión política e simbólica da arte de Quispe Yupari, destacando o seu compromiso coa visibilización e resistencia fronte ás múltiples formas de discriminación e a crise de valores que atravesan as sociedades contemporáneas. A súa proposta artística convida a unha reflexión crítica sobre o recoñecemento do sufrimento colectivo e a construción dun futuro máis xusto, inclusivo e solidario, fundamentado na memoria histórica e na identidade indíxena.
David Solórzano
Mesa 2: Cruzamentos, mércores 9 de xullo, 16 h
“Trazos a nado no Atlántico: Ángeles Santos e Norah Borges na Idade de Prata”
Este relatorio analiza as conexións culturais entre creadoras españolas e latinoamericanas durante a Idade de Prata, centrándose na relación entre Ángeles Santos e Norah Borges. A partir dos retratos que Borges dedicou a Santos reconstrúese un vínculo artístico e persoal que permite estudar, con perspectiva de xénero, os circuítos de intercambio transatlántico nos que participaron diversas creadoras. Aínda que Santos nunca cruzou o Atlántico para visitar Bos Aires, foi Madrid —e por extensión, España— o escenario principal desta relación, alimentada polas viaxes de Borges desde a Arxentina. A análise de fontes primarias —debuxos, textos, materiais hemerográficos— permite iluminar redes creativas entre mulleres, aínda pendentes dunha adecuada atención historiográfica, visibilizando a pegada destas artistas nos procesos de modernidade e vangarda debuxados a trazos entre ambos os lados do Atlántico.
Sol Izquierdo
Mesa 2: Cruzamentos, mércores 9 de xullo, 16 h
“Tecer refuxio: Diálogos transatlánticos na arte téxtil do exilio”
Esta proposta recupera as traxectorias paralelas de dúas artistas xudías centroeuropeas que, tras fuxir do nazismo, atoparon refuxio en Latinoamérica. Lene Schneider-Kainer (Austria, 1885-Bolivia, 1971) e Olga Anhalzer-Fisch (Hungría, 1901-Ecuador, 1990) compartiron o interese polo folclore indíxena latinoamericano. Instaladas en Cochabamba e Quito respectivamente, emprenderon proxectos téxtiles en estreito diálogo con comunidades locais, reinterpretando técnicas e motivos tradicionais desde unha práctica artística moderna. Estableceron contactos internacionais, expuxeron e comercializaron as súas producións en Norteamérica e Europa. A partir de fontes desatendidas, rescátase a historia destas artistas esquecidas. En consonancia con debates actuais exponse o valor estético do téxtil e reflexiónase sobre as tensións rexistradas nos intercambios culturais establecidos entre as artistas europeas exiliadas e os pobos indíxenas de Latinoamérica.
Aurora Marco
Mesa 2: Cruzamientos, miércoles 9 de julio, 16 h
“Experiencias culturais das galegas Luísa Viqueira, María Valverde e Carmiña Sierra no exilio”
Tras o levantamento militar do 36, moitas mulleres foron empurradas ao exilio para fuxir dun destino incerto, do cárcere ou da morte. Nunha época caracterizada polo pensamento patriarcal, a das mulleres —a das exiliadas neste caso— foi a crónica das silenciadas, sen voz e sen letra, porque foron obxecto dunha dupla falta de memoria: por seren desafectas ao novo réxime e pola súa condición feminina. Este relatorio enmárcase nunha das liñas propostas nas Xornadas Internacionais de Estudos Transatlánticos: a visibilización da experiencia de tres mulleres galegas, Luísa Viqueira, María Valverde e Carmiña Sierra, vencelladas á vida cultural do exilio galego en México, Uruguai e Venezuela, respectivamente. Tras unhas consideracións iniciais sobre os exilios femininos, que servirán para contextualizar, lembrarase a súa traxectoria nos países de acollida. É unha forma de inscribilas na historia e de facerlles xustiza.
Diana Duo Ramila
Mércores 9 de xullo, ás 18 h, e xoves 10 de xullo, ás 16.30 h (25 prazas por sesión)
Percorrido crítico “Facedoras na colección do Museo de Pontevedra”
Cando estamos ante unha colección podemos preguntarnos como chegaron esas obras a formar parte dos fondos dunha determinada institución. “Facedoras na colección do Museo de Pontevedra” é un percorrido que pretende contrapoñer o valor dalgunhas creadoras con obra no Museo de Pontevedra xunto ao papel fundamental doutras mulleres cuxo labor foi clave na preservación, conservación e transmisión deses legados artísticos, aínda que situadas con frecuencia nun segundo plano.
Facedoras de Cultura. Xornadas Internacionais de Estudos Transatlánticos
Bea Lema
Mércores 9 de xullo, ás 18 h, e xoves 10 de xullo, ás 16.30 h (25 prazas por sesión, para menores de 16 anos)
Taller de Arpilleras
As arpilleras son cadros que se confeccionan con retallos de tea e que se compoñen coma se fose unha colaxe para crear unha escena. Esta técnica xurdiu en Chile durante a ditadura militar. Os bordados eran realizados por grupos de mulleres que plasmaban nas súas obras as súas propias historias de vida, denunciando os conflitos sociais e políticos. Co paso do tempo esta forma de expresión estendeuse a outros países de América Latina coma o Perú, Ecuador ou Colombia. Despois de coñecer a historia desta técnica e descubrir como influenciou no traballo de Bea Lema, compoñeremos unha paisaxe propia a través de retrincos nun encontro de bordado colectivo. No proceso introducirémonos nos diferentes tipos de puntadas e técnicas para crear a nosa arpillera. Todos os materiais serán achegados no taller (tesoiras, fillos, agullas etc.).
Montserrat Capelán
Mesa 3: Música e arte sonora, xoves 10 de xullo, 10.30 h
“Obdulia Prieto Nespereira: a ‘fecunda promesa’ musical da Galicia dos anos 20”
Cando, na segunda década do século xx, diferentes intelectuais, críticos e músicos están a darlle voltas á necesidade dunha renovación que poida internacionalizar a música galega, un nome aparecerá en escena: o de Obdulia Prieto Nespereira. As primeiras obras que esta nova compositora ourensá logrará poñer nas salas de concerto comezarán a chamar a atención na Arxentina, Galicia e no resto de España. No presente relatorio farase un percorrido da biografía e formación de Obdulia Prieto, así como das obras máis representativas do seu catálogo e da recepción destas, e analizarase por que serán consideradas como unha promesa da “nova Galicia”.
Mónica Monmeneu González
Mesa 3: Música e arte sonora, xoves 10 de xullo, 10.30 h
“Educación musical no Lyceum Club da Habana (1930-1950)”
O Lyceum Club da Habana (1929-1959) foi parte integral do tecido cultural habaneiro durante o período republicano en Cuba. Fundado polas activistas e escritoras Reneé Méndez Capote e Berta Arocena, o club ofreceulles tanto ás súas socias como ao público xeral unha rica programación de conferencias, exposicións, concertos e cursos, a través dos cales contribuíu á creación e difusión da cultura cubana e internacional. No plano musical, a actividade do Lyceum destacou no seu labor docente a través de figuras coma Clara Romero de Nicola, Gisela Hernández ou María Muñoz de Quevedo. Esta intervención toma o papel de María Muñoz de Quevedo como punto de partida para repasar algúns dos fitos fundamentais do ensino musical no Lyceum Club, cun especial interese nos intercambios transatlánticos que facilitou esta compositora e pedagoga galega afincada en Cuba.
Branca Gutiérrez Lobato
Mesa 3: Música e arte sonora, xoves 10 de xullo, 10.30 h
“Políticas sonoras. O teatro para escoitar de Leni Alexander”
O investigador Brandon LaBelle sinala que “o son e a escoita son moi hábiles para comunicar compaixóns”. Nese sentido traballou a arte radiofónica, da que o radioteatro é unha das manifestacións máis habituais, cando introduciu temáticas sociais e políticas nos espazos de escoita íntimos aos que só o son da radio ten acceso. Nesta presentación preguntarémonos acerca das posibilidades transformadoras da escoita a través dun traballo radiofónico da artista Leni Alexander: La vida es más corta que un día de invierno o ¿Para quién? ¿A quién? ¿Por qué? (1989) (1989). A que disposición nos invita Alexander co seu teatro para escoitar? Que elementos utiliza para interpelar as e os oíntes e conducilos a formas de decodificación non convencionais?
Samuel Diz
Mesa 4: Arquivos e coleccións, xoves 10 de xullo, 12.45 h
“Legados documentais do exilio republicano español no continente americano: retos e desafíos de preservación”
A guerra civil española propiciou un dos éxodos máis importantes da historia contemporánea. Un exilio que tivo ao continente americano como un dos principais lugares de acollida. A investigación do legado cultural do exilio republicano, en especial na área das artes plásticas e a música producida por mulleres, sitúanos nun escenario crítico que comeza coa localización e preservación dos acervos xerados: obras visuais ou partituras conservadas por familiares, que con frecuencia atopamos xunto a documentos, cartas ou fotografías dun gran valor histórico e humano. En paralelo, vivimos a urxencia de recompilar as últimas testemuñas vivas nun exercicio colectivo de memoria histórica. Unha responsabilidade que nos sitúa como suxeitos activos e na que xorden numerosas preguntas de ámbito lexislativo ou reflexións deontolóxicas na preservación destes arquivos en institucións públicas. Esta comunicación toma como estudos de caso a xestión do legado da compositora e pianista Diana Pey Casado (Madrid, 1912-Miami, 1988), así como os traballos de investigación, catalogación e preservación que Samuel Diz está a realizar na Residencia de Estudiantes co labor de Rosita García Ascot (Madrid 1902-2002) á fronte da Galería Diana (Ciudad de México, 1954-1965) ou a preservación da colección literaria e obra artística do matrimonio Pilar Saiz e Blandino García Ascot.
Michel Otayek
Mesa 4: Arquivos e coleccións, xoves 10 de xullo, 12.45 h
“Nostalxia do perdido, asombro polo atopado: reflexións sobre o legado fotográfico de Kati Horna”
Tras o falecemento da fotógrafa de orixe húngara Kati Horna (Szilasbalhás, 1912-Cidade de México, 2000), a súa única filla, a Dra. Norah Horna Fernández, asumiu a xestión do seu arquivo persoal e de traballo. O seu labor á fronte deste acervo —constituído legalmente baixo o nome Arquivo Privado de Fotografía e Gráfica Kati e José Horna— foi fundamental para a realización de numerosas exposicións e publicacións dedicadas á obra dos seus pais, algunhas das cales puxeron especial énfase na dimensión afectiva das súas traxectorias creativas. A partir de 2024, tras o falecemento da Dra. Horna, a custodia e xestión deste valioso legado cultural foron asumidas polos seus fillos, Catalina e Iván Polgovsky Horna. Este relatorio propón unha reflexión crítica sobre os retos, tensións e posibilidades que implica a xestión familiar dun arquivo fotográfico. Analizarase como esta custodia influíu na conservación, interpretación e difusión da obra de Kati Horna, tanto en espazos académicos coma museográficos. O arquivo será abordado non só como repositorio de imaxes e materiais, senón como un espazo de negociación afectiva, política e institucional. A partir deste caso, proponse un debate máis amplo sobre o papel das familias na produción de memoria visual e os desafíos inherentes aos arquivos xestionados desde o doméstico.
Ángeles Tilve Jar
Mesa 4: Arquivos e coleccións, xoves 10 de xullo, 12.45 h
“O Museo de Pontevedra: luces e sombras na recuperación das coleccións do exilio galego”
Desde o tardofranquismo ata a actualidade, o rescate da arte galega na emigración e no exilio foi unha das políticas prioritarias de incremento e adquisición de coleccións para o Museo de Pontevedra. A partir de 1970 levouse a cabo un importante labor de recuperación das obras de artistas galegos exiliados en América, entre as que destaca unha significativa pintura de Maruja Mallo, tamén arquivos persoais de figuras intelectuais e políticas comprometidas co Nacionalismo, a República ou a Masonería que, tras o golpe militar de xullo de 1936, se viron abocados a un longo exilio do que moitos deles non puideron regresar. Neste relatorio analizarase o complexo proceso de incorporación ao museo deste valioso patrimonio artístico e documental da diáspora galega, facendo fincapé na colaboración e o compromiso de dúas “facedoras de cultura” coma Virxinia Pereira e Maruxa Seoane, figuras clave na recuperación dunha parte crucial deste legado.
Gloria García Lorca
Conversación de clausura, con Carmen Gaitán Salinas, directora xeral das xornadas, xoves 10 de xullo, 19 h
“Entre beiras e materias”
Nesta conversación con Gloria García Lorca, que clausura estas xornadas internacionais de estudos transatlánticos “Facedoras de Cultura”, Carmen Gaitán Salinas explora a súa traxectoria vital e artística marcada polo exilio, a creación desde a marxe e a identidade transatlántica. Filla de intelectuais republicanos exiliados, Gloria naceu en Nova York e viviu entre dúas culturas, linguas e tradicións. A súa obra transita da pintura á cerámica, con materiais coma o barro, o algodón e a resina, entre as que que destacan pezas coma Migración. A conversación aborda temas coma o papel das mulleres artistas, as redes do exilio, as identidades híbridas e a construción cultural desde a fronteira. Gloria reflexiona sobre a memoria, a lingua e a arte como formas de resistencia e pertenza. A súa voz, lúcida e xenerosa, conecta xenealoxías femininas e experiencias transnacionais, ofrecendo inspiración a novas xeracións que habitan entre beiras.