Navegación

  • Volver ao contido
españolgalegoenglish
Facebook Instagram Youtube
Buscar

Logo Museo de Pontevedra Museo de Pontevedra

  • Museo
    • Historia
    • Edificios
    • Equipo
  • Visita
    • Organiza a túa visita
    • Visitas guiadas
    • Visita virtual
  • Colección
    • Explora a colección
    • Esenciais
    • Visita virtual
    • Coñeces o teu
  • Exposicións
    • Exposicións actuais
    • Exposicións pasadas
  • Actualidade
    • Actividades
    • Novas
    • Proxectos
  • Educación
    • Comunidade educativa
    • Para todos os públicos
    • Conexión social
    • Acción cultural
  • Biblioteca e documentación
    • Biblioteca
    • Arquivo
    • Publicacións
logo
españolgalegoenglish
Buscar
  • Museo
    • Museo
    • Historia
    • Edificios
    • Equipo
  • Visita
    • Visita
    • Organiza a túa visita
    • Visitas guiadas
    • Visita virtual
  • Colección
    • Colección
    • Explora a colección
    • Esenciais
    • Visita virtual
    • Coñeces o teu
  • Exposicións
    • Exposicións
    • Exposicións actuais
    • Exposicións pasadas
  • Actualidade
    • Actualidade
    • Actividades
    • Novas
    • Proxectos
  • Educación
    • Educación
    • Comunidade educativa
    • Para todos os públicos
    • Conexión social
    • Acción cultural
  • Biblioteca e documentación
    • Biblioteca e documentación
    • Biblioteca
    • Arquivo
    • Publicacións
Facebook Instagram Youtube

Notas biográficas - Museo de Pontevedra

Museo de Pontevedra, do 8 ao 10 de xullo de 2025
Facedoras de Cultura
Xornadas Internacionais de Estudos Transatlánticos
  1. Actualidade
  2. Proxectos
  3. Facedoras de cultura
  4. Notas biográficas
  • Presentación
  • Programa
  • Sinopses
  • Notas biográficas

Notas biográficas

Gloria Cortés Aliaga

Museo Nacional de Belas Artes de Chile

Gloria Cortés Aliaga é historiadora da arte, ten un máster en Historia da Arte e é candidata a doutora en Historia pola Universidade Nacional San Martín (Arxentina). Actualmente é conservadora do Museo Nacional de Belas Artes de Chile. Especialízase en estudos con perspectiva de xénero e feminismos, tanto no ámbito curatorial coma no investigador e académico. É autora de Modernas. Historias de mujeres en el arte chileno (1900-1950), entre outros múltiples artigos, recensións e capítulos de libro. Entre as súas últimas publicacións figura “De unas y otras: la construcción de una escritura femenina sobre las artes en Chile entre 1824 y 1927”. Comisariou exposicións coma “(en)clave Masculino” (2016), “Desacatos. Prácticas artísticas femeninas (1835-1939)” (2017); “Yo soy mi propia musa. Pintoras latinoamericanas de entreguerras (1919-1939)” (2019); “Laura Rodig. Lo que el alma hace al cuerpo, el artista hace al pueblo” (2020) e, recentemente, xunto a Nicole González e Mariairis Flores, “La mujer en el arte. 1975”, todas elas desenvoltas no MNBA.

 

Paulina Tenorio

Artista musical

A cantante Paulina Tenorio lidera a banda Paulina y el Buscapié, un grupo musical mexicano fundado en Oaxaca en 2009. Tras a publicación do seu primeiro CD El pájaro turquí e de Ventanas a la calle, na actualidade prepara un novo disco xunto á Banda del Sur que evoca o amor, a memoria e a identidade, así como a denuncia social feminista en cancións como “Ya no callamos”. As súas orixes familiares sitúanse en Galicia, concretamente na localidade pontevedresa de Ponteareas, na cal o seu tataravó Benito Casasnovas foi elixido alcalde en 1936. Tras un período de detención xunto á súa esposa María Camba Fernández, a familia exiliouse en México, onde Paulina rexenta na actualidade o restaurante El Sol y la Luna, epicentro da vida cultural e musical de Oaxaca.

 

María Fidalgo Casares

Universidade de Sevilla e Real Academia de San Fernando de Cádiz

María Fidalgo Casares é unha recoñecida historiadora da arte cunha destacada traxectoria académica e divulgativa. Licenciada en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela  (1987), obtivo o doutoramento en Historia da Arte pola Universidade de Sevilla coa máxima cualificación (2008). Posúe tamén unha diplomatura en Comisariado de Exposicións e formación especializada en Xenealoxía, Heráldica e Nobiliaria. Membro da Academia Andaluza da Historia e da Real Academia de San Fernando, exerce como titora do Máster Universitario da Universidade de Sevilla desde 2017. Especialista en pintura galega e pintura de historia militar, comisariou 25 exposicións e publicou 15 libros —incluíndo El pintor de batallas, o libro de artista máis vendido do século xxi— e máis de 470 artigos. Colaboradora habitual en prensa, radio, televisión e podcasts, recibiu prestixiosos recoñecementos coma o Premio Nacional de Xornalismo Ortega Munilla (2025) e a medalla da Orde de Santa Bárbara. Relatora activa en ámbitos civís e militares, impartiu máis de cen conferencias e participou en numerosos congresos nacionais e internacionais. Recentemente foi nomeada historiadora de honra do Centro de Historia e Cultura Militar.

 

Ute Seydel

Universidade Nacional Autónoma de México

Ute Seydel é doutora en Literaturas e Culturas Romances pola Universidade de Potsdam (Alemaña) e profesora titular na Facultade de Filosofía e Letras, onde imparte seminarios no Colexio de Letras Modernas e no Posgrao en Letras. Realizou tarefas de editora dos volumes La memoria cultural acerca de la Revolución mexicana, la guerra cristera y el cardenismo. Aportes desde la cultura visual y las letras (2018) e Memoria cultural y culturas de rememoración en América Latina (2020), produtos do proxecto de investigación “Memoria cultural y culturas de rememoración”. Tamén coeditou con Adriana de Teresa Ochoa Exilios en México (1930-1960): redes, representaciones simbólicas de experiencias exílicas, debates estéticos e ideológicos (2024), froito do proxecto “Articulaciones estéticas del exilio: redes literarias, artísticas y intelectuales transnacionales en México (años 30 y 40 del siglo xx)”.

 

Carmen Gaitán Salinas

Instituto de Historia, CSIC

Carmen Gaitán Salinas é científica titular no Instituto de Historia do CSIC, no Departamento de Historia da Arte e Patrimonio. Doutora en Historia Contemporánea pola UCM, tamén é licenciada en música. A súa investigación céntrase nas redes artísticas transatlánticas e a visibilidade das mulleres na historia cultural. É investigadora principal do proxecto Hacedoras de cultura: Conexións e intercambios artísticos transatlánticos en el siglo XX. Publicou numerosos libros e artigos sobre historia da arte, exilio e xénero, e exerceu como comisaria de exposicións no Museo Nacional de Artes Decorativas en La Nau de Valencia. Entre as súas obras destacan Las artistas del exilio republicano español (Cátedra, 2019), a edición crítica dos diarios de Manuela Ballester (Renacemento, 2021) e formou parte da coordinación do monográfico Objects, Images, Stains, and Absences en Journal  of Women’s History (John Hopkins University).

 

Violeta Quispe

Artista da bienal de Pontevedra

Violeta Quispe Yupari (1989, Lima, Perú) é unha artista de raíces andinas que enfoca a súa obra na denuncia da violencia de xénero e na discriminación cara ás mulleres, especialmente ás indíxenas e a comunidade LGTBIQ+. Nada en Lima, provén dunha familia que emigrou desde Sarhua (Aiacucho) debido á violencia do conflito armado nos anos oitenta do pasado século. Esta experiencia marcou a súa vida e afastouna das súas orixes culturais e do idioma quechua. A partir de 2018, inspirada polo traballo doutras artistas peruanas, Violeta comezou a mostrar nas súas pinturas a vida das mulleres da súa comunidade, utilizando a arte como unha ferramenta de visibilización e resistencia. O seu enfoque destaca as diversas formas de discriminación ás que se enfrontan as mulleres e as persoas LGTBIQ+ en contextos de guerra, crise e outras violencias, onde son especialmente vulnerables. A violencia física, simbólica e psicolóxica contra estes grupos agrávase en sociedades conservadoras que reforzan os seus roles tradicionais, que exclúen estas persoas dos espazos de toma de decisións e perpetúan así a súa marxinación.

 

Agar Ledo

Comisaria adxunta da bienal de Pontevedra

Agar Ledo Arias é historiadora da arte pola Universidade de Santiago de Compostela e técnica de procesos de investigación no Museo de Pontevedra. Traballou como comisaria e asesora de adquisicións no Departamento de Coleccións do Museo Reina Sofía (2019-2022) e, previamente, dirixiu e coordinou o Departamento de Exposicións no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (2006-2018). Comisariou exposicións de artistas coma Ánxel Huete, Grace Schwindt, Gintaras Didžiapetris, Patricia Esquivias, Pedro Barateiro ou Carlos Bunga, ademais de propostas centradas na análise da produción cultural en Galicia e nas implicacións sociais e políticas que rodean a práctica artística. Cun mestrado en Museoloxía (Universidade de Alcalá) e outro en Arte e Política (Goldsmiths, Universidade de Londres), realizou estancias de formación no Museo de Arte Fred Jones Jr. (Norman, Oklahoma, Estados Unidos), en Le Consortium (Dijon, Francia), no Museo de Arte Contemporánea de Lyon (Francia) e no Independent Curators Interantional, ICI (Nova York). A súa carreira profesional transcorreu en espazos coma a 1.ª Bienal Internacional de Arte Contemporánea de Sevilla (2004), a Fundación Luis Seoane (A Coruña, 2005) ou o Centro Galego de Arte Contemporánea (Santiago de Compostela, 1998-2004), de cuxo Consello Asesor forma parte como vogal.

 

David Solórzano

Universidade de Castilla-La Mancha

David Solórzano Pinilla é investigador e divulgador, graduado en Humanidades e Patrimonio pola Universidade de Castila-La Mancha (UCLM) e máster en Historia da Arte Española pola Universidade Complutense de Madrid, onde recibiu matrícula de honra no seu traballo de fin de máster. Actualmente realiza a súa tese doutoral na UCLM, codirixida por Palma Martínez-Burgos (UCLM) e Carmen Gaitán Salinas (IH-CSIC), cun contrato predoutoral financiado pola Junta de Comunidades de Castilla-La Mancha. Foi bolseiro de investigación polo Concello de Madrid na Residencia de Estudiantes durante o curso 2023-2024 e forma parte do proxecto I+D+i Hacedoras de cultura. Interveu en congresos e publicacións sobre arte moderna, creadoras e patrimonio, e colaborou con institucións coma o CSIC, o Museo Nacional de Artes Decorativas, o Instituto Cervantes, a Hemeroteca Municipal de Madrid ou a Escola Franz Liszt de Budapest.

 

Sol Izquierdo

Universidade Complutense de Madrid

Sol Izquierdo de la Viña é doutora en Historia da Arte pola Universidade Complutense de Madrid e máster pola Universidade Libre de Berlín. A súa investigación céntrase na arte e na cultura visual alemá do século xx, con especial atención ás dinámicas transculturais, á circulación de imaxes e á mobilidade artística. A súa tese de doutoramento, que recibiu o premio Enrique Fuentes Quintana de Funcas, achegou unha lectura poscolonial sobre a recepción da arte india no expresionismo alemán. Formou parte do comisariado da exposición Whose Expression? The Brücke Artists and Colonialism no Museo Brücke de Berlín. Entre 2022 e 2024 gozou dun contrato posdoutoral Margarita Salas cunha estancia na Universidade Técnica de Berlín. A partir de outubro desenvolverá o proxecto “Transcultural Weaving” (Marie Skłodowska-Curie Global Fellowship) sobre artistas xudías exiliadas en América. Forma parte do proxecto I+D Hacedoras de Cultura do CSIC.

 

Aurora Marco

Universidade de Santiago de Compostela

Ensaísta. Doutora en Filosofía e Letras (1978), catedrática de Didáctica da Lingua e a Literatura Galega da USC, xubilada, no campo da investigación é autora dunha vintena de libros —‍biografías, estudos, edicións críticas, libros de carácter interdisciplinar e sobre memoria histórica—, de numerosos artigos sobre temática relacionada coas súas liñas de investigación. Editora de varios volumes e colaboradora de obras colectivas, ademais de guionista de documentais, desenvolve unha intensa actividade como conferenciante. Nos últimos 30 anos centrouse na recuperación da traxectoria das mulleres galegas, con especial atención ás represaliadas: As precursoras (1993); Mulleres e educación en Galiza. Vidas de mestras (2002); Dicionario de mulleres galegas (2007); Mulleres na guerrilla antifranquista galega (2011); M.ª Teresa Alvajar. Memorias dunha republicana (2012); Elas (2015); Irmandiñas (2020);  Carmiña Sierra. A primeira muller do Seminario de Estudos Galegos (2023). Pola súa obra ensaística recibiu numerosos premios de investigación teatral, ensaio literario, investigación e divulgación histórica e de ensaio e creación audiovisual, entre outros.

 

Diana Duo Ramila

Museo de Pontevedra

Diana Duo Ramila é doutora en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Membro do Departamento de Educación do Museo de Pontevedra, investigadora do Centro de Estudos de Historia da Cidade (CEHC/USC) e colaboradora do Grupo de Investigación Iacobus, Proxectos e Estudos sobre Patrimonio Cultural (GI-1907/USC, participou en diferentes proxectos de investigación, entre eles, a elaboración do informe de Patrimonio sobre a Ribeira Sacra (CEHC/USC en convenio coa Xunta de Galicia) e o proxecto “Amphoras” (do Centro de Documentación e Investigación da Música en Cantabria da Fundación Marcelino-Botín Sanz de Sautuola y López). Como paleógrafa traballou en diferentes proxectos, entre os que destaca Mondoñedo dixital: cidade histórica e patrimonio da USC en convenio co Concello de Mondoñedo; Neocamiños, proxecto de investigación do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS) a través dun convenio subscrito entre o CSIC e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia. Realizou numerosas publicacións e participou na codirección, coordinación ou como relatora en diferentes encontros, congresos e seminarios.

 

Bea Lema

Premio Nacional de Cómic 2024

Bea Lema é ilustradora e autora de cómic. Emprega o bordado e o tecido como soporte para trasladar as súas imaxes. O seu traballo, xeralmente de corte autobiográfico, trata temas relacionados coa loucura, o trauma, as relacións familiares, a relixión e os ritos populares. En 2024 recibiu o Premio Nacional de Cómic pola súa novela gráfica El cuerpo de Cristo (Astiberri, 2023). Neste libro alterna páxinas onde utiliza a técnica das arpilleras, con outras bordadas ou debuxadas con tinta. O proxecto recibiu unha bolsa para realizar a residencia de novela gráfica na Maison des Auteurs de Angoulême (Francia) en 2022, onde tamén se publicou baixo o título Des maux à dire, coa editorial Sarbacane. Actualmente traballa na adaptación deste libro a curtametraxe de animación.

 

Montserrat Capelán

Universidade de Santiago de Compostela

Montserrat Capelán é profesora da Universidade de Santiago de Compostela e coordinadora do grupo de investigación Organistrum. Especialista en música americana (con especial énfase na música venezolana dos séculos xviii e xix) e en música galega e emigración (séculos xix e xx), temas sobre os que editou varios volumes colectivos e publicou numerosos artigos e capítulos de libros, ademais de obter o Premio Nacional do Libro (Venezuela, 2013).

É membro correspondente por España da Academia da Historia do Estado Carabobo e da rama latinoamericana da Sociedade Internacional de Musicoloxía, forma parte de diferentes asociacións como a de Música Americana (MUSAM) da Sociedade Española de Musicoloxía e pertence ao Comité Científico do Instituto de Investigación de Humanidades da USC (iHUS).

 

Mónica Monmeneu González

Instituto Universitario Europeo de Florencia

Mónica Monmeneu González é graduada en Historia da Arte (UCM, 2017) e ten un máster en Historia da Arte Contemporánea e Cultura Visual (UAM e UCM, 2018). As súas investigacións abarcan distintos aspectos da historia das mulleres na arte desde os estudos culturais e de xénero. Codirixiu actividades coma o curso de posgrao “Modernas por Asociación. O Lyceum Club Feminino de Madrid e os seus Legados (1926-1960)” (2023), organizado polo IH do CSIC, e participou como docente en actividades como “Arte e xénero na hemerografía: un taller de fontes primarias para o século xx”, no contexto da Semana da Ciencia (2022, 2023).  Actualmente é investigadora predoutoral no Instituto Universitario Europeo de Florencia, cunha tese que explora o papel das institucións culturais femininas da primeira metade do século xx como lugares de xestión artística, sociabilidade e intercambio intelectual no espazo transatlántico a través da historia dos Lyceum Club de Madrid e A Habana.

 

Branca Gutiérrez Lobato

Instituto de Historia, CSIC

Branca Gutiérrez Lobato é contratada FPI no Departamento de Historia da Arte e Patrimonio do Instituto de Historia do CSIC. Titulada en Ensinos Artísticos Superiores de Música na especialidade de Interpretación, Violoncelo, no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid e graduada en Historia e Ciencias da Música e Tecnoloxía Musical pola Universidade Autónoma de Madrid (UAM). Realizou o Máster en Teoría e Crítica da Cultura na Universidade Carlos III de Madrid. Levou a cabo labores de difusión musical na revista Sul Ponticello e na revista Melómano, ademais de participar en diversas orquestras e agrupacións de música de cámara. Realiza a súa tese baixo a dirección de Carmen Gaitán Salinas (Instituto de Historia, CSIC) e Juan Pablo Fernández González (UAM). Nela investiga sobre os procesos de escoita no marco da arte sonora.

 

Samuel Diz

Residencia de Estudantes

Samuel Diz é concertista e investigador da música na Idade de Prata, coa publicación de discos como Memoria de la melancolía (Poliédrica, 2020) gravado coa guitarra orixinal de Federico García Lorca. Titulado superior en Guitarra Clásica no Conservatorio Superior de Música Manuel Castillo de Sevilla, tamén realizou o Máster en Patrimonio Cultural e Museoloxía pola VIU, ademais de desenvolver unha intensa actividade musical con concertos en emblemáticos espazos —coma o Palau de la Música Catalana, o Centro das Artes de México, a Cleveland Classical Guitar Society, a Galería Nacional de Roma, a St. Cecilia's Hall de Edimburgo ou o Festival HIFA de Zimbabue—, xunto a concert  lectures en universidades coma Oxford, Boston, CUNY ou Yale. En paralelo, impulsa Música no Claustro, festival de música, patrimonio e creación con sede na catedral de Tui, que en 2026 celebrará a súa 20 edición; o comisariado do ciclo Contrapuntos: Música e Memoria no Museo de Pontevedra e recentemente a súa implicación na posta en marcha do Festival Ellas.One, dirixido por Inés R. Artola, na Universidade F. Chopin de Varsovia. En paralelo, mantén un forte compromiso co legado cultural do exilio republicano español de 1939, coa investigación, catalogación, difusión e preservación do acervo da pianista e compositora Diana Pey Casado, así como a coordinación de proxectos de investigación e preservación na Residencia de Estudiantes ao redor da Galería Diana de Rosita García Ascot, a obra musical de Gustavo Durán ou a colección literaria e obra artística do matrimonio Pilar Saiz e Blandino García Ascot. É socio fundador do selo discográfico Poliédrica®, que codirixe xunto a Beatriz Fontán.

 

Michel Otayek

Leibniz Universität Hannover

Michel Otayek é un historiador da arte especializado en fotografía e cultura impresa en Iberoamérica. Obtivo a súa mestría no Hunter College (2012) e o seu doutoramento na Universidade de Nova York (2019). O seu traballo céntrase na produción e circulación de imaxes fotográficas, con énfases en cuestións de xénero, mobilidade e intercambio cultural. Un dos temas centrais do seu traballo é a presenza de fotógrafas centroeuropeas en América Latina durante o século xx. Publicou numerosos artigos e coeditou diversas publicacións. Actualmente está a preparar unha monografía titulada Culture Brokers: Ethnographic Photography by European Women in  Latin America. A súa experiencia como comisario inclúe “Told and Untold: The Photo Stories of Kati Horna in  the Illustrated Press” (Nova York, Americas Society, 2016), a primeira exposición nos Estados Unidos dedicada á obra da fotógrafa húngaro-mexicana. Así mesmo, colaborou en diversos proxectos institucionais, entre eles os portais Repensar Guernica (2017) e Vanguardia y Retaguardia: Mujeres en la Guerra Civil Española (2021) do Museo Reina Sofía. Actualmente traballa como investigador na Universidade de Hannover no marco do proxecto “TransExilio: Negociaciones de estética y comunidad en el México postrevolucionario” (DFG FOR 5700). Ademais do seu labor académico, colabora como asesor do Arquivo Privado de Fotografía e Gráfica Kati e José Horna na Cidade de México.

 

Ángeles Tilve

Museo de Pontevedra

M.ª de los Ángeles Tilve Jar é licenciada en Xeografía e Historia (sección de Historia da Arte, especialidade en Arte Moderna e Contemporánea), e ten un grao de licenciatura, na modalidade de traballo de investigación, pola Universidade de Santiago de Compostela. Desde 2023 é directora do Museo de Pontevedra, entidade á que leva vinculada profesionalmente desde 1987 e na que exerceu como conservadora e responsable da Sección de Coleccións. Ademais do comisariado, dirección e coordinación dun gran número de proxectos expositivos, dirixiu e participou en congresos, seminarios e cursos. A súa produción científica, dedicada maioritariamente ás coleccións do Museo de Pontevedra, o patrimonio histórico e a historia da arte galega, está recollida en máis de medio cento de estudos publicados, entre os máis recentes: Meu Pontevedra! Castelao, 1916-1936, (2017); Sileno, humor gráfico e política (2019); “El legado Castelao en el Museo de Pontevedra” en Las colecciones y los museos del exilio (2021) e “A arte galega de 1920 a 1936. Xénese e evolución do movemento renovador” en O pasado por vir II. Un tempo posible (2023).

 

Gloria García Lorca

Galería Vilaseco

Nace en Nova York, durante o exilio da súa familia, onde estuda Literatura e Arte no Sarah Lawrence College de Bronxville. En 1967, recentemente chegada a España, comeza a súa actividade como artista. Durante os anos oitenta expuxo regularmente na Galería Juana de Aizpuru. Na Coruña participou durante o ano 1986 na programación da Galería Gruporzán. En Madrid tamén realizou tres exposicións individuais coa Galería Travesía 4. Participou desde entón en feiras como Arco, a Feira de Chicago etc. A súa obra forma parte de coleccións privadas nacionais e internacionais e públicas coma o Museo de Cáceres, o Museo Reina Sofía, a Colección Barbara Rose (Nova York), a Colección Farideh Cadot (París) ou a Celebrity Cruises Collection. Desde hai uns anos traballa no campo da escultura e paralelamente no da cerámica. As esculturas, instalacións e pezas para lugares específicos son o resultado de imaxes próximas ás formas orgánicas que vemos na natureza e tamén as que quedaron gardadas na memoria. Case todas están formadas por acumulacións de formas aparentemente iguais, que se repiten e que van invadindo un espazo onde se reforman, dándolle á peza acabada unha sensación de movemento e posibilidade.

Mantente informado dos nosos eventos e actividades
QUERO RECIBIR INFORMACIÓN

Copyright © 2022. Deputación de Pontevedra
Edificio Fernández López. Rúa Pasantería, 2- 36002 Pontevedra ES
+34 986 804 100

Mapa Web | Aviso legal | Accesibilidade | Protección de datos | Política de cookies | Contacto

Outras webs da Deputación

PRAT / CARP
  • Museo
    • Historia
    • Edificios
    • Equipo
  • Visita
    • Organiza a túa visita
    • Visitas guiadas
    • Visita virtual
  • Colección
    • Explora a colección
    • Esenciais
    • Visita virtual
    • Coñeces o teu
  • Exposicións
    • Exposicións actuais
    • Exposicións pasadas
  • Actualidade
    • Actividades
    • Novas
    • Proxectos
  • Educación
    • Comunidade educativa
    • Para todos os públicos
    • Conexión social
    • Acción cultural
  • Biblioteca e documentación
    • Biblioteca
    • Arquivo
    • Publicacións