Dozón
No verán de 1928 comeza oficialmente o estudo das terras de Deza por parte do Seminario de Estudos Galegos, unha xeira á que concorrerían todas as súas seccións. Será a igrexa de San Pedro de Vilanova a primeira en ser obxecto de estudo por parte dos seus membros.
Os seminaristas chegan a terras de Deza o 24 de xuño e ese mesmo día visitan este mosteiro, un magnífico exemplar do románico do século xii. Sabemos que o volveron visitar, cando menos, noutra ocasión, o 26 de xuño de 1930.
Se ben o estudo do románico en terras de Deza acabaría centrándose nas extensas parroquias de Lalín, tres esgrevios monumentos encadrarían o románico dezán: o mosteiro de Carboeiro en Silleda, o de Camanzo en Vila de Cruces e o que agora nos ocupa, o mosteiro de San Pedro de Vilanova de Dozón.