As xeiras de Deza

Loading...

No rico fondo documental de Xosé Filgueira Valverde, o fundador máis novo, en 1923, do Seminario de Estudos Galegos, atópanse non poucos materiais sobre a institución e a súa historia. Entre eles destaca unha serie de cadernos cos primeiros datos tomados nas excursións ou xeiras de recoñecemento en terras de Deza. Son, na súa maioría, anotacións de arte das distintas igrexas, aínda que acompañadas de referencias de carácter etnográfico, lingüístico, arqueolóxico ou histórico. Por outra banda, o Museo de Pontevedra tamén é depositario dunha parte do arquivo persoal de Sebastián González García-Paz, quen lle enviaba a Filgueira copia dos seus apuntamentos, polo que os seus manuscritos poden atoparse nos dous arquivos.

O motivo deste traballo, na forma de espazo web, é dar a coñecer os materiais que poderían servir de base para elaborar o estudo artístico definitivo dos pazos e, sobre todo, das igrexas no proxecto global de Terra de Deza. Como é ben sabido, os resultados da investigación conxunta nunca chegaron a publicarse e, como moito, atópanse espallados polos arquivos persoais dos compoñentes do seminario. Estas recensións poden achegar información sobre pezas desaparecidas ou cambiadas de emprazamento e sobre ditos ou tradicións xa fóra de uso. Como exemplos máis destacados podemos citar os casos do tímpano de Palmou ou os capiteis de Bermés, os costumes en vodas, enterros ou festas, os ditos e o vocabulario, e incluso as impresións sobre a paisaxe.

O que presentamos aquí é a transcrición dos cadernos de Filgueira e a información complementaria que lle subministrou Sebastián. Hai que partir da base de que eran as primixenias notas de campo, acompañadas de bosquexos que representan planos dos edificios e elementos arquitectónicos e decorativos significativos. No caso de Filgueira, a caligrafía é complicada e as figuras, de moi escasa calidade. Pola contra, Sebastián tiña unhas notas moi claras e ordenadas, e manifesta a súa boa dote para o debuxo nas ilustracións que as acompañan.

Polo xeral, as libretas de Filgueira, aínda que numeradas correlativamente, non obedecen a un criterio cronolóxico e pódense atopar apuntamentos sobre un mesmo lugar en cadernos diferentes, posiblemente de xeiras realizadas en distintas datas. Así, para a transcrición, os datos organizáronse por parroquias; os termos de difícil lectura ou os que se intúen polo contexto van entre corchetes. Ademais, cada ficha leva unha pequena introdución e un complemento gráfico coas fotos e cos debuxos de maior calidade.