O Museo de Pontevedra será en 2027 a sede da conferencia anual sobre exposicións do Consello Internacional de Museos

A conferencia reunirá preto de 150 profesionais de museos de todo o mundo do 19 ao 24 de setembro de 2027, coincidindo coa 33ª Bienal de Arte

08/10/2026

ICOM EXHIBITIONS 2027

O Museo de Pontevedra será a sede da ICOM Exhibitions Annual Conference 2027. Este evento, organizado polo comité de exposicións do Consello Internacional de Museos (ICOM), reúne cada ano preto de 150 profesionais de museos e galerías de todo o mundo para intercambiar ideas e experiencias sobre exposicións museísticas. Terá lugar do 19 ao 24 de setembro de 2027, coincidindo coa última semana da 33ª Bienal de Arte, o que contribuirá notablemente á súa difusión internacional.

A designación do Museo de Pontevedra como sede produciuse onte durante a celebración da edición deste ano en Québec (Canadá). Pontevedra será a primeira cidade de España en acoller este evento, que nos últimos 20 anos se celebrou en cidades como París, Viena, Chicago, Shanghai, Berlín, Cidade do Cabo, Milán, Río de Xaneiro, Xenebra ou Dubai.

O evento durará cinco días, con conversas, obradoiros e mesas redondas, ademais de visitas a museos e institucións culturais locais. O programa inclúe tamén un espazo onde produtoras e institucións presentan as súas exposicións itinerantes dispoñibles para aluguer, ademais de momentos de networking e reunións bilaterais entre profesionais.

A xunta directiva de ICOM Exhibitions elixiu a candidatura do Museo de Pontevedra valorando especialmente a  traxectoria do Museo, a importancia das coleccións, o traballo de investigación e a difusión e relevancia no noso contexto. Tamén se valorou a experiencia na organización de congresos nacionais e internacionais e os equipamentos dispoñibles no Museo. Outro aspecto favorable foi o apoio institucional que supón ser un museo público, dependente da Deputación de Pontevedra. Por último, tívose en conta o atractivo cultural de Pontevedra e a súa contorna.

O ICOM (International Council of Museums ou Consello Internacional de Museos) é unha organización non gobernamental fundada en 1946, con sede en París, que reúne profesionais e institucións do ámbito museístico de todo o mundo. Constitúe a principal rede internacional de museos e traballadores de museos e actúa como órgano consultivo da Unesco en materia de patrimonio cultural. Actualmente está presente en 141 países.

ICOM Exhibitions é o Comité Internacional para as Exposicións do ICOM. Creouse en 1980. O seu obxectivo é servir de foro global para o intercambio de ideas, experiencia e información sobre o desenvolvemento, a circulación e o intercambio de exposicións entre museos e galerías de todo o mundo.