SOMBRAS ATLÁNTICAS. RETRATOS DA ARTE GALEGA
A exposición reúne retratos en branco e negro de 34 artistas de distintas xeracións, modalidades artísticas e territorios, todas e todos con nacemento ou residencia en Galicia. As fotografías foron tomadas co mesmo pano de fondo, como un escenario teatral que homenaxea aos primeiros fotógrafos e que serve para dar coherencia ao conxunto de imaxes da exposición, que se relacionan entre si.
Aquí atopamos creadores que despuntaron nos 70, como Silverio Rivas, Jorge Castillo, Acisclo Manzano ou Buciños, e aos que pertenceron ou se vincularon ao grupo Atlántica, que na década dos 80 contribuíu a reactivar as artes plásticas en Galicia e darlles presenza no exterior: Menchu Lamas, Antón Lamazares, Antón Patiño, Ánxel Huete, Xosé Freixanes, Xabier Correa Corredoira, Ignacio Basallo, Din Matamoro... Tamén aos continuadores da renovación da escultura galega, como Francisco Leiro, Soledad Penalta ou Manolo Paz.
Naquelas xeracións a visibilidade de mulleres artistas era reducida, algo que cambiou nas últimas décadas e que queda ben reflectido nesta mostra, na que case a metade dos retratos son de mulleres artistas, como Almudena Fernández Fariña, Mónica Alonso, Carme Nogueira, Pamen Pereira, Tatiana Medal, Lula Goce, Elena Fernández Prada ou Sula Repani.
Anxo Cabada, fotógrafo e profesor, é natural de Sabucedo (A Estrada). Leva catro décadas fotografando o territorio galego en proxectos nos que abordou diferentes temáticas como, entre outras, o mar en ‘Mareagrafías’ (2005), a terra en ‘Terragrafías’ (2009) e as vilas galegas en ‘Vilagrafías’ (2012), unha proposta literario-fotográfica. En ‘O imaxinario do país’ (2018) Cabada retratou as escritoras e escritores galegos, un proxecto que precedeu este “Sombras atlánticas’, centrado agora nos e nas que crean a beleza, os e as artistas.
Obradoiros de retrato fotográfico
Os sábados 19 e 26 de novembro e 10 de decembro, de 10.00 a 14.00 h
Claves da exposición
Os xoves ás 18.00 h. Sen inscrición previa
Visitas guiadas polo artista
O xoves 22 e o xoves 29 de decembro ás 18.00 h. Sen inscrición previa