Pinturas negras

Datas: 21/02/2025 - 06/04/2025
Localización: Edificio Castelao

Comisariado: Ignacio Pérez Jofre e Sandra MG

Pinturas negras mostra obras de diversas disciplinas nas que a cor negra é protagonista. Tomando como referencia a serie de Goya, preténdese aludir ás diversas posibilidades formais e simbólicas do negro, entendido como negación da cor, como orixe ou final da pintura, como escuridade, como materia opaca, como noite, como raza, como cegueira, como abismo, como espazo infinito, como morte. Tamén se intenta sinalar o vínculo destes traballos coa escuridade de certa pintura española; non no sentido de que repliquen esquemas formais ou técnicas tradicionais, senón da súa capacidade para conectar ou dialogar cunha cultura do dramático e do expresivo: a escuridade de Ribera, Goya, Lucas Velázquez, Solana, María Blanchard, Ángeles Santos, Maruja Mallo; de Manolo Millares, Antonio Saura, Amalia Avia, Lucio Muñoz, Laxeiro; de Nati Bermejo, Enrique Marty, Marina Núñez, Abigail Lazkoz.

Igual que na contemporaneidade os límites entre xéneros artísticos disólvense, estas pinturas negras, feitas con medios diferentes, fúndense no espazo expositivo.

Esta exposición continúa a serie iniciada con De mestras e mestrados, que proseguiu con Campo de sementes I e II, para amosar o traballo de artistas vinculadas e vinculados á Facultade de Belas Artes de Pontevedra, tanto por ser docentes coma por graduarse neste centro. Tamén o equipo comisarial mantén estes lazos: Sandra MG é graduada e na actualidade está preparando a súa tese de doutoramento nesta facultade, onde Ignacio Pérez-Jofre é, desde hai trinta anos, profesor.

Esta edición aposta polas novas xeracións e inclúe o traballo dun número significativamente maior de artistas graduadas.

Con obra de:

Acacia Ojea, Alejandra Pardo, Araceli Liste, Erik Balbuena, Fernando Casás, Fruela Alonso, Juan Loeck, Juan Rivas, Julia Huete, Lúa Gándara, Miguel Teixeira, Mónica Cabo e Sol Mussa.