Había outra vez…

Datas: 22/04/2023 - 21/05/2023
Localización: Edificio Sarmiento

Belén Padrón, Itziar Ezquieta, Manolo Figueiras, Xosé Carlos Seoane

Catro artistas vinculados a Pontevedra amosan as súas pinturas, de diferentes inspiracións, estilos e técnicas, nunha exposición conxunta que busca vertebrar un discurso unificado e coherente a través dun diálogo cruzado altamente suxestivo.

Constelaria, Roxonomía, Fractalismo e Arqueografía son respectivamente as denominacións que cada un elixiu para os seus cadros. Son tamén o punto de partida dun relato inserido no catálogo, obra de Manuel Lourenzo González, que narra a enigmática viaxe dun mozo que se ve obrigado a camiñar por un escenario de rúas labirínticas á busca de sinais que lle proporcionen a clave para saír e recuperar a súa vida e o seu pasado; unha viaxe que fornece desde a literatura, a modo de xogo, fíos que consolidan esa converxencia da obra artística plural.

A exposición está organizada en colaboración co Concello de Pontevedra e o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que do 21 de abril ao 7 de maio celebra a súa 24ª edición. Ten como tema o xogo e homenaxea ao propio Manuel Lourenzo, autor do texto que serve de fío condutor da exposición.