Bifrontes
Comisaria: Covadonga Barreiro Rodríguez-Moldes
Toda imaxe bifronte é unha pregunta aberta que obriga a soster dúas miradas simultáneas e a aceptar a coexistencia de sentidos irreconciliables. Esta exposición parte desta tensión evocando a Xano, a divindade romana representada con dous rostros que miran en direccións opostas.
Na antiga Roma, a ianua era a porta principal de entrada dunha casa ou domus e estaba vencellada a Xano, protector dos comezos e dos finais. Así como una porta ten dúas frontes ―unha cara ao exterior e outra cara ao interior―, este deus ten dous rostros e a súa posición é a de quen ocupa o lugar que permite pasar dun espazo a outro. Deste xeito, a figura bifronte representa a forma do que permanece no limiar; a forma dunha identidade constituída no tránsito mesmo que se atopa “entre” dous espazos, e a ambos os dous lados simultaneamente.
Porén, a fórmula bifronte non se limita a Xano e, especialmente desde o século i a. C., os romanos produciron tamén hermas dobres nas que se unían dúas cabezas nun mesmo soporte para combinar divindades, idades, sexos ou tipos iconográficos distintos. Esta exposición está presidida precisamente por unha destas hermas, unha peza que nos convida a pensar a coexistencia de categorías contrapostas e a imaxinar aquilo que acontece xustamente no límite, no encontro entre o pasado e o futuro, o interior e o exterior, a identidade e a alteridade.
Nas obras reunidas nesta mostra, realizadas por artistas vinculadas e vinculados á Facultade de Belas Artes de Pontevedra, o límite convértese nun contexto de produción onde as categorías se suspenden, se contaminan e se transforman. A propia situación da facultade, atravesada na actualidade pola renovación dunha parte significativa do seu corpo docente, marca unha profunda transformación que xera unha experiencia bifronte; esixe unha mirada retrospectiva que recoñece as pedagoxías, proxectos e liñas investigadoras que definiron a identidade do centro desde a súa fundación en 1990, ao tempo que proxecta unha ollada cara ao futuro para cuestionar como se reconfigurarán as relacións entre ensino, investigación e produción artística ou que novas prácticas se farán presentes na facultade que vén.
Esta concorrencia entre o pasado e o futuro da facultade, encarnada e sostida nas diferentes obras expostas, constitúe propiamente un estado de tránsito que esta mostra, convertida en limiar, propón explorar.
Artistas:
- Ignacio Barcia
- Luca Carrero
- Cristina Chiarroni
- Itziar Ezquieta
- Nuria Figueiredo
- Christian García Bello
- Diego Germade
- Borxa Guerrero
- Yolanda Herranz
- Lucía Leirós
- Chelo Matesanz
- Juan Luis Moraza
- Mónica Ortuzar
- Begoña Paz
- José Andrés Santiago
- Javier Tudela