Paisaxe con río, castelo e escena de pescadores

Esta fermosa paisaxe é unha obra de xuventude do máis grande pintor do Romanticismo español, Jenaro Pérez Villaamil (Ferrol, 1807-Madrid, 1854). Nesta composición tan escenográfica atopamos varios dos elementos característicos das súas paisaxes idealizadas: amplos espazos, xogos de luces en ceos diáfanos, montañas abruptas, desfiladeiros, flora agreste, escenas cotiás con pequenas figuras, portos, ruínas, edificios monumentais… detalles moitas veces tomados do natural, outras, pura fantasía, que acababa de construír pintando no seu estudio.

A pincelada minuciosa, lixeira e firme na representación dos detalles, contrasta con outra máis ampla e matérica, por exemplo, na captación das nubes. Nelas tamén destaca a calidez dos tons rosas e dourados, que serán unha característica habitual na súa pintura plenamente romántica, da que o Museo posúe varios exemplos. 

Nado en Ferrol en 1807, Jenaro Pérez Villaamil iniciouse no debuxo xunto ao seu pai, profesor de Topografía e Debuxo no Colexio Militar de Santiago. A súa familia trasladouse a Madrid cando el tiña doce anos, e na súa xuventude abandonará a vida militar polos pinceis. Será na súa estadía en Andalucía cando quede impactado pola paisaxe romántica do escocés David Roberts, cuxo estilo xa nunca abandonará.

En 1837 xa gozaba de gran popularidade, chegando a ocupar importantes cargos académicos e recibindo altos recoñecementos nacionais e internacionais. As súas incesantes viaxes por  Europa e España acabaron debilitando a súa saúde, deixando unha ampla produción de debuxos, pinturas e litografías. Desta técnica é un dos seus traballos máis coñecidos, o seu  álbum España Artística y Monumental (1842-1850).

Ficha Técnica

Título
Paisaxe con río, castelo e escena de pescadores

Autor
Jenaro Pérez Villaamil (Ferrol, 1807 – Madrid, 1854)

Estilo
Romanticismo

Data
1828

Técnica
Óleo

Soporte
Lenzo

Dimensións
63,5 x 80 cm

Inventario
1.219

Localización
Edificio Castelao, planta 1, sala 5.

Saber más

Na mesma sala na que se pode contemplar esta obra e na contigua, expóñense varias pinturas y debuxos do autor, así como doutros artistas contemporáneos representantes de dúas das máis importantes escolas románticas da época, a madrileña e a andaluza.

Son un magnífico exemplo da nutrida colección de pintura do século XIX que posúe o Museo de Pontevedra que, ademais do Romanticismo, achéganos tamén ao Realismo, o outro estilo que xurdiu con forza a partir do terceiro cuarto de século, con paisaxes como so do mestre Carlos de Haes ou os dos galegos Serafín Avendaño ou Alfredo Souto, entre outros.