A derradeira lección do mestre

A derradeira lección do Mestre é probablemente o debuxo máis emblemático do álbum Galicia Mártir (1937), e o máis coñecido do conxunto dos trinta e un debuxos que forman os tres albumes que, sobre a Guerra Civil española, realizou o artista e político galeguista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Fronte aos debuxos lineais que estaba habituado a realizar ou os do seu Álbum Nós, que querían semellar gravados á augaforte, estes son moito máis minuciosos, presentan gradacións de grises e sensación de volume. Ao igual que os que forman o álbum Atila en Galicia (1937) amosan a dureza da represión que padeceron as xentes desta terra con ideas contrarias aos sublevados. Porén, no álbum Milicianos (1938), o artista homenaxea aos combatentes que defenderon a República.

Os textos manuscritos que os acompañan son máis reducidos que os que publicaba na prensa ou os que realizou para o Álbum Nós, cobrando a imaxe maior protagonismo por ela mesma.

En varios dos debuxos de Galicia Mártir hai referencias a elementos da paisaxe galega que o artista xa non volverá a contemplar a causa do exilio, é o caso das árbores deste debuxo, similares aos do Álbum Nós, que dan maior dramatismo á escena mostrando as súas pólas podadas.

Ademais do seu labor como artista e escritor, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886-Bos Aires,1950) realizará desde 1931 unha intensa actividade política que o converterá nun dos líderes do Partido Galeguista. Foi elixido deputado nas eleccións de 1931 e nas de 1936.

Estaba en Madrid cando tivo lugar o levantamento militar contra o goberno constitucional da República, o 18 de xullo de 1936. Ao trasladarse á capital a Valencia instálase nesta cidade xunto a outros artistas republicanos. Alí porá o seu talento artístico ao servizo da defensa da República creando en 1937 os dez debuxos do álbum Galicia Mártir e os dez que constitúen o de Atila en Galicia.

En Nova York, a onde acudirá co obxectivo político propagandístico de buscar axuda para a República española, publicaría en 1938 Milicianos, o seu terceiro álbum de guerra. Desde esta cidade partiría finalmente en 1940 para a Arxentina onde falecería o 7 de xaneiro de 1950, despois de realizar unha intensa actividade política que o convertera no referente do nacionalismo galego no exilio.

Ficha Técnica

Título
A derradeira lección do mestre

Autor
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao

Data
1937

Técnica
Pluma, tinta chinesa, augada

Soporte
Papel

Dimensións
29,5 x 22 cm

Inventario
8699

Localización
Edificio Castelao, planta 2, sala 8

Saber más

Das obras realizadas por Castelao en Nova York, Cuba e Arxentina, a onde viaxou e residiu como consecuencia da derrota sufrida polo goberno constitucional da República na Guerra Civil española, conta o Museo con series extraordinarias como son os Debuxos de negros, creados na illa caribeña e na cidade dos rañaceos, ou os catro grandes debuxos de persoas cegas do conxunto que el titulou Os meus compañeiros. A todo isto hai que engadir outras creacións e diversos testemuños da súa actividade e do seu pensamento político, especialmente o orixinal manuscrito do seu libro Sempre en Galiza.