Tibi Bastianus Imperator Peruensis, un romance inédito de aires medievais

04/12/2023
María Jesús Fortes Alén

Como lembramos nun artigo recente dedicado ao Romance de unha fatal ocasión, o Museo de Pontevedra é o depositario de dous poemas elaborados por membros do Seminario de Estudos Galegos en lembranza de compañeiros que non estaban presentes nas xeiras, saídas conxuntas das diferentes seccións para estudar determinadas comarcas galegas. Os depositados no Museo son textos elaborados durante as xeiras de Deza de 1935.

O segundo destes poemas, Tibi Bastianus Imperator Peruensis, incorporouse recentemente ao arquivo persoal de Sebastián González García-Paz. Pese a que comparte co Romance de unha fatal ocasión o formato de romance, é totalmente diferente en tema e estética. Neste caso, foi escrito por Xosé Ramón y Fernández-Oxea, “Ben-Cho-Shey”, ilustrado por Xaquín Lorenzo e dedicado por ambos os dous ao seu amigo Sebastián González, que no ano 1935 se atopaba en Madrid para unas oposicións á Cátedra da Historia da Arte.

Aínda que Sebastián formaba parte da Sección de Prehistoria, dirixida por Florentino López Cuevillas, as súas achegas e colaboracións con Filgueira e Xesús Carro nos estudos de arte foron abundantes en cursos, conferencias e traballos.

Este romance ten unha estética e temática de tradición medieval, e un marcado carácter lúdico que transmite o forte vínculo de amizade, camaradería e compañeirismo entre os compoñentes desa grande institución que tanto significou e significa para o coñecemento e para a cultura de Galicia, pese á súa curta e truncada existencia.

O documento anexo é o breve estudo sobre este texto incluído na edición facsimilar dos dous romances que publicou o Museo de Pontevedra en novembro de 2023.

 Ver artigo en PDF

María Jesús Fortes Alén