VII Xornada de Onomástica Galega. A onomástica literaria

O 15 de outubro o Museo de Pontevedra centrará as reflexións desde os eidos da investigación e da escrita sobre a relación entre os nomes propios e a literatura

Xornadas de onomástica galega

 A Real Academia Galega organiza desde o ano 2016 as Xornadas de Onomástica Galega en colaboración coa Deputación de Pontevedra e co Museo de Pontevedra. A académica de número Ana Boullón e a académica correspondente Luz Méndez organizan esta nova cita, que reunirá o vindeiro sábado 15 de outubro no Museo de Pontevedra especialistas neste eido con olladas dende a literatura medieval á moderna.

As persoas interesadas en inscribirse na VII Xornada de Onomástica Galega poden facelo antes do 12 de outubro escribindo un correo electrónico a publicacions@academia.gal no que figuren o seu nome completo, o DNI e un número de teléfono. Ao final das xornadas entregarase un diploma de asistencia. O encontro poderá seguirse tamén en directo a través da web https://academia.gal.

O programa arrincará o sábado 15 de outubro ás 10:30 horas con catro intervencións de investigadores que se teñen debruzado neste eido con diversas perspectivas. Anxo Angueira, profesor da Universidade de Vigo (UVigo) e presidente da Fundación Rosalía, centrarase na onomástica na obra da autora fundacional das letras galegas contemporáneas; María Xesús Nogueira, profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), achegará unha perspectiva sobre toponimia e ecopoesía nas letras actuais; e Antón Palacio, académico correspondente e profesor da Universidade de Vigo, fará unha contribución sobre os nomes artúricos nas letras contemporáneas.

Na literatura medieval centraranse deseguido Bieito Arias Freixedo (UVigo), cunha achega arredor da poesía trobadoresca; e Helena de Carlos (USC), que presentará unha contribución sobre etimoloxía e alegoría nas lendas de Troia.

Xa pola tarde, Berta Dávila, a académica Fina Casalderrey e o tamén novelista Marcos Calveiro protagonizarán unha mesa redonda conducida pola académica Marilar Aleixandre na que compartirán como escollen os nomes dos personaxes das súas obras. Pechará a xornada Xosé María Álvarez Cáccamo, acompañado de Magdalena Gamallo, cun acto poético baseado no Cántico dos topónimos esdrúxulos.