Presentación do libro San Domingos de Pontevedra. Fortuna patrimonial e memoria urbana de unha ruína
Mércores 30 de outubro, ás 19:00 h, no Edificio Castelao
O Museo de Pontevedra vén de editar unha nova publicación sobre as Ruínas de San Domingos, un dos principais monumentos da cidade de Pontevedra. A autora é Begoña Fernández Rodríguez, doutora en Historia da Arte e profesora titular da Universidade de Santiago de Compostela.
Nas súas 400 páxinas, o libro fai un percorrido pola historia de San Domingos desde o século XII, primeiro pola súa época de esplendor como convento dominico, con diferentes etapas construtivas, e despois polo declive iniciado co seu abandono no XIX e o esforzo de boa parte da sociedade pontevedresa por evitar a súa desaparición definitiva, ata formar parte do Museo de Pontevedra e ser un espazo icónico da cidade.
O libro tamén se detén nos valores artísticos e na iconografía do edificio, así como na rica escultura funeraria que se atopa nel. Complétase cun prolixo anexo documental, ao que hai que engadir o destacado apartado gráfico: planos, debuxos, fotografías actuais e históricas, algunhas delas inéditas.