Conferencia e presentación de libro: Galicia na Exposición Iberoamericana de Sevilla (1929-1930)
Xoves 13 de marzo a partir das 19:00 h, no Edificio Castelao
Dobre sesión de conferencia e presentación de libro arredor da presenza de Galicia na Exposición de Sevilla de 1929-1930.
19:00 h. Conferencia: “Galicia na Exposición Iberoamericana de Sevilla (1929-1930)”, Amparo Graciani García
Tras un longo proceso de vinte anos de preparativos, entre o 9 de maio de 1929 e o 21 de xuño de 1930, celebrouse en Sevilla a Exposición Iberoamericana. A estatalización que, no marco da Exposición Xeral Española (que tamén incluía a Internacional de Barcelona) o proxecto sevillano experimentou durante a Ditadura de Primo de Rivera, determinou que o certame pasase a ser un proxecto de Estado, dirixido á promoción internacional e á exaltación dos seus fundamentos ideolóxicos, en especial da idea da unidade de España desde a súa diversidade rexional.
Iso condicionou a construción dunha serie de pavillóns rexionais, de carácter provisional, organizados polas distintas deputacións. O pavillón de Galicia, construído polas catro deputacións, e deseñado por Miguel Durán-Loriga Salgado, serviu de marco á exposición de contidos (históricos ou de nova creación) dirixidos a mostrar a xeografía, historia, arte, cultura, turismo, e economía rexional.
Amparo Graciani García é licenciada e doutora en Historia da arte pola Universidade de Sevilla, onde é catedrática, cunha traxectoria académica de máis de 35 anos. Centrou as súas investigacións ao redor da historia da construción e a Exposición Iberoamericana de Sevilla de 1929. Desde 2017 traballa na promoción e divulgación inclusiva dos estudos sobre o devandito certame para a conmemoración do seu centenario, en cuxo marco dirixiu os dous congresos internacionais (CIEIA) celebrados sobre a Exposición en 2018 e 2021.
20:00 h. Presentación do libro Huellas de España en la Exposición Iberoamericana de Sevilla. Galicia. Visión, presencia y mensajes
Coa intervención de autoras e autores do volume:
- Aurelia Balseiro García, directora do Museo Provincial de Lugo
- Eduardo Esteban Meruéndano, presidente da Asociación Cristóbal Colón Galego
- Amparo Graciani García, catedrática da Universidade de Sevilla
- María Quiroga Figueroa, técnica do Museo Provincial de Lugo