Estrea de Consello de Galiza, o goberno galego no exilio e coloquio arredor de Castelao
Martes 18 de febreiro, ás 18:30 h no Edificio Castelao
Estrea do documental Consello de Galiza, o goberno galego no exilio, dirixido por Xan Leira, que narra os avatares do que foi primeiro goberno galego no exilio. O Consello de Galiza foi creado formalmente na cidade de Montevideo o 15 de novembro de 1944 e constituído, de facto, o 8 de decembro na cidade de Bos Aires, coa participación dos deputados galegos Alfonso Castelao, Ramón Suárez Picallo, Antón Alonso Ríos e Elpidio Villaverde.
No documental, de 45 minutos de duración, interveñen históricos galeguistas e republicanos coma Lois Tobío, Mariví Villaverde, Rosa Puente, Xaime Isla Couto, Francisco Fernández del Riego, Santiago Carrillo, Elixio Rodríguez e Manuel Martínez Lamela. Tamén participan diversas personalidades da vida política e cultural galega e estatal: Miguel Anxo Seixas Seoane, presidente da Fundación Castelao; Francisco López “Chesqui”, secretario xeral do Partido Galeguista; Iñaki Anasagasti, xornalista e dirixente do PNV; Xoán Antón Pérez Lema, avogado; Alfredo Erias, historiador; Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia e Xesús Manuel Suárez, presidente do Partido Galeguista.
Presentan o filme Xan Leira, director do documental, e Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
Coloquio
Tras a proxección desenvolverase o coloquio “Alfonso Castelao, onte, hoxe e mañá”, coa participación de:
- Teresa Táboas, arquitecta
- Francisco López "Chesqui", secretario xeral do Partido Galeguista
- Xoán Antón Pérez Lema, avogado
- Moderado por Guillermo Campos.