Charla-concerto: “Redescubrindo Os Gaiteiros de Soutelo. Homenaxe a Avelino Cachafeiro”, por Rubén Troitiño
Xoves 27 de xuño, ás 19:00 h, no Edificio Castelao
‘Avelino Cachafeiro, o Gaiteiro de Soutelo’. Debuxo, ca. 1924. Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (1886-1950
Un achegamento á rica historia da música galega no que se honra a Avelino Cachafeiro no centenario do seu nomeamento como mellor gaiteiro de Galicia no concurso de gaitas de Santiago de Compostela en 1924, un momento histórico inmortalizado por Castelao nun artigo publicado no xornal Galicia-Diario de Vigo.
Durante a sesión, as persoas asistentes terán a oportunidade de examinar documentos orixinais, coma revistas da época, discos de lousa cos seus catálogos impresos e incluso algún dos punteiros que utilizaban Os Gaiteiros de Soutelo. Rubén Troitiño, que está a levar a cabo unha investigación sobre a obra de Avelino Cachafeiro, compilou unha serie de fotografías inéditas e outros datos históricos que chegaron ata os nosos días, co fin de ofrecer unha nova visión da historia do cuarteto e mostrar a súa relevancia dentro da música galega.