Incremento patrimonal - Museo de Pontevedra
PROTOCOLO DE INCREMENTO PATRIMONIAL DO MUSEO DE PONTEVEDRA
1. OBXECTO
Desde a súa creación o Museo de Pontevedra foi reunindo, por mandato estatutario, diferentes coleccións que partían da fidelidade ao seu ámbito pontevedrés de nacemento, pero deixaban as portas abertas á presenza ou recepción de fondos doutras procedencias, tanto galegas coma foráneas. Na actualidade, as coleccións do Museo teñen unha configuración especializada no patrimonio cultural do territorio provincial e de Galicia, especialmente nos ámbitos da arqueoloxía, a arte, a historia, a numismática, a etnografía, a fotografía e a museoloxía. Porén, pola súa propia traxectoria, o Museo conta tamén con importantes fondos que transcenden o ámbito galego, que tamén son obxecto de especial atención.
Hoxe o Museo debe seguir apostando polo incremento racional das súas coleccións para constituír coleccións significativas e de referencia, procurando a selección consciente de obra atendendo á súa significación, ao enriquecemento ou complementariedade cos fondos existentes e ao seu mantemento sustentable. A preocupante limitación de espazos de reserva que caracteriza a maioría dos museos obriga a sermos especialmente coidadosos na política de coleccións.
Ademais das coleccións incorporadas polo legado da Sociedad Arqueológica de Pontevedra e das adquisicións ou depósitos ordenados pola Consellería de Cultura e Turismo nos procedementos de autorización de intervencións arqueolóxicas no territorio provincial, as doazóns e depósitos foron, ao longo da súa historia, unha forma moi significativa de incremento da colección do Museo de Pontevedra. Pola súa condición de servizo adscrito á Deputación de Pontevedra, estes fondos incorpóranse como coleccións patrimoniais desta e son, polo tanto, de titularidade pública.
As conservadoras e conservadores do Museo son o persoal técnico que se encarga de considerar aquelas obras que enriquecen os seus fondos e que son potencialmente merecedoras de se incorporaren á colección.
2. PROCEDEMENTO
O procedemento para o incremento patrimonial debe ser o máis plural posible e incorporar a visión múltiple de diferentes profesionais coa finalidade de reducir a subxectividade na toma de decisións.
2.a Informe-proposta de valoración
O equipo técnico do Museo de Pontevedra, integrado pola Dirección e as conservadoras e conservadores, é o encargado de elaborar un informe-proposta coa finalidade de valorar os ofrecementos das persoas particulares, analizar o seu encaixe nas coleccións e propoñer a súa aceptación ou non, en virtude do seu interese para a institución.
2.b Consulta ao Consello Asesor
O informe-proposta levarase ao Consello Asesor do Museo de Pontevedra para que, na súa calidade de órgano colexiado de carácter consultivo e asesor, se pronuncie sobre o seu contido. Así mesmo, de acordo co recollido no Regulamento do Consello Asesor, en casos de especial complexidade ou que precisen dun coñecemento experto específico poderase invitar a asistir ás sesións deste consello a persoas especialistas ou expertas para informaren ou asesoraren sobre algún aspecto da proposta.
2.c Resolución de aceptación e acta de entrega
En caso de que se considere a proposta de incremento patrimonial, proseguirase coa tramitación do expediente administrativo. Tendo en conta as distintas modalidades de incremento patrimonial previstas (doazóns, depósitos, legados testamentarios, compravendas...) atenderase ao disposto na normativa vixente coas especificidades propias que requira o caso.
De calquera xeito, aprobarase o incremento patrimonial polo órgano competente segundo o establecido nas Bases de execución orzamentaria da Deputación de Pontevedra.
Unha vez aprobado o incremento, asinarase a correspondente acta de entrega e levarase a cabo a súa incorporación no libro de rexistro do Museo.
3. CRITERIOS
O ingreso dunha obra no Museo demanda un conxunto heteroxéneo de traballos técnicos de rexistro, documentación, estudo, conservación preventiva e de comunicación e difusión que implican gastos de xeito permanente para a institución. Así mesmo, desde o punto de vista funcional e operativo, a incorporación de obra nova precisa de espazos de reserva que sempre son limitados nos museos. Por esta razón, o Museo de Pontevedra só aceptará aquelas obras ou coleccións que destaquen pola súa singularidade e que enriquezan ou complementen os seus fondos coa finalidade de xerar coleccións significativas e de referencia.
Para valorar a idoneidade e o encaixe nas coleccións existentes, cómpre determinar un conxunto de criterios que sirvan de referencia e permitan adoptar unha decisión da maneira máis racional e equilibrada posible. A título indicativo, poden sinalarse os seguintes:
- Atender ao ámbito territorial do Museo, centrado principalmente no territorio da provincia de Pontevedra e de Galicia
- Presentar autenticidade e unha trazabilidade que permita garantir a súa procedencia legal
- Incorporar un notable valor patrimonial
- Destacar pola súa singularidade, calidade ou excelencia
- Constituír unha referencia no seu campo
- Enriquecer ou complementar as coleccións existentes
- Manter a unidade e coherencia da colección á que se incorpore
- Non supoñer una duplicidade ou reiteración dos fondos xa existentes
4. DOAZÓNS E DEPÓSITOS
A persoa, organización ou institución interesada en realizar unha doazón ao Museo de Pontevedra deberá seguir o procedemento “2901509 Proposta de doazón ou depósito de obras artísticas ao Museo de Pontevedra”, dispoñible na sede electrónica da Deputación. A proposta debe incluír a máxima información posible sobre a obra, así como acreditación da titularidade e fotografías xerais e de detalle da obra (por exemplo, data e sinatura) necesarias para poder avaliala axeitadamente.
A persoa doante ou depositaria debe ter en conta que, con carácter xeral, non se admiten condicións ás doazóns e depósitos, e que a idoneidade da proposta se avaliará atendendo aos criterios de incremento patrimonial sinalados e de acordo co procedemento de valoración descrito. Así mesmo, tamén debe saber que, en caso de aceptar a obra, o Museo asume o compromiso de rexistrala, documentala e conservala axeitadamente, pero non se compromete a expoñer ou facer difusión dela, cuestións que quedan supeditadas ao programa ou necesidades do propio Museo.