O Museo de Pontevedra entrega a Polonia os dous cadros roubados polos nazis, que xa están camiño de Poznan

A representante do Goberno polaco e o vicepresidente da Deputación provincial César Mosquera asinaron hoxe formalmente a acta da restitución

25/01/2023

XORNADA GREENTOUR TURISMO

Os cadros da Mater Dolorosa e do Ecce Homo identificados como provenientes do espolio nazi e localizados no Museo de Pontevedra xa foron entregados a Polonia. A Deputación de Pontevedra, a través do seu vicepresidente César Mosquera, asinou a acta oficial e fixo entrega o mércores 25 de xaneiro ambas pezas ás representantes do Goberno polaco, culminando así a restitución gratuíta nun proceso cualificado como “áxil”, “modélico” e “exemplar” para todo o mundo.

No acto estiveron presentes a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o vicepresidente e responsable do Museo César Mosquera, o director do Museo Xosé Manuel Rey, a directora do Departamento de Bens Culturais do Ministerio de Cultura e Patrimonio Nacional da República de Polonia, Elzbieta Rogowska, así como o letrado polaco Miquel Bordas Prószynski, xunto a persoal técnico de ambas institucións. Deu fe da entrega o secretario provincial Carlos Cuadrado.

Os cadros, situados nunha instalación efémera e específica para que puideran ser contemplados pola cidadanía no Museo de Pontevedra nos últimos meses, saíron a Polonia co permiso de exportación concedido pola Dirección de Patrimonio Cultural do Ministerio de Cultura español. Alí serán recibidos en depósito no Museo Nacional de Poznan e trasladados ao castelo de Gołuchów - de onde foran sustraídos- unha vez remate a súa rehabilitación a principios do vindeiro mes de marzo.

O díptico flamenco localizado no Museo de Pontevedra é parte das 700 pezas espoliadas da Colección Czartoryski en Gołuchów polos nazis durante a Segunda Guerra Mundial. Ata o de agora o goberno polaco só puido recuperar outra peza desta mesma colección, un crucifixo de esmalte de Limoges que foi atopado no lixo e entregado ao goberno por unha persoa anónima.

As pinturas localizadas en Pontevedra supostamente saíron de Varsovia en 1944 e reapareceron no comercio de arte de Madrid en 1973, descoñecendo cal foi a súa historia durante ese lapso de tempo. Ingresaron no Museo de Pontevedra como depósito do coleccionista José Fernández López e, desde 1994, son propiedade da institución provincial trala compra da súa colección (313 pinturas de autores e cronoloxías diversas). O máis probable é que foran adquiridas por Fernández López nalgún dos establecementos da familia Maragall, a Sala Parés de Barcelona ou a Galería El Cisne de Madrid, das que era cliente habitual.

O díptico estivo atribuído inicialmente ao pintor holandés Dieric Bouts (Ca. 1420- 1475), principal representante da Escola de Lovaina, mais finalmente aclarouse que foi pintado por alguén da súa escola ou grupo.

Galerías de imaxes

Vídeos