Pregar a Pintura

Datas: 22/05/2024 - 21/07/2024
Localización: Edificio Sarmiento

Comisario: Carlos Fer 

Pregar a pintura escenifica unha realidade da pintura contemporánea cada vez máis presente: a do prego. Nestas pezas, a dobrez é un elemento pictórico, compositivo, configurador e conceptual. Pretendemos debuxar un retrato actual da Facultade de Belas Artes de Pontevedra con estudantes recentemente graduadas e doutorandas pertencentes a unha xeración marcada polo dixital que, á súa vez, crean unha arte prófuga do puído das pantallas, fuxitiva do plano do virtual, antagónica ao raso de imaxes coma as do cinema ou a fotografía.

Ao pregar a pintura, esta convértese no que sempre foi: branda, mutante e flexible, calidades das que foi renegada durante a historia da arte por bastidores e duras estruturas. Grazas ao prego, o cadro deixa de ser unha superficie bidimensional que simula unha representación plana do mundo.

A nosa procura reformula o concepto de cadro-xanela de Alberti, abríndoo e despregándoo, para incorporar linguaxes máis relacionadas coa existencia humana e fuxir da bidimensionalidade inexistente na natureza, achegando o cadro ao corpo con estas pinturas que asemellan á flexibilidade da nosa pel.

Cuestionándonos o valor contemplativo e ilusionista da pictórica entraremos polos seus pregamentos para introducirnos na observación das dobreces, das construcións pictóricas a través de superposicións encartadas ou da quebradura radical do soporte. O prego fai presente o cadro, amosa a súa presencia mentres compón novos espazos. Deste xeito nace un inédito elemento na sintaxe da imaxe: a tridimensionalidade.

A realidade do mundo é encartada. O que distingue a pintura doutro tipo de imaxes é a súa tactilidade, a súa materialidade e mais o seu prego, características ás que unha intelixencia artificial ou un teléfono móbil nunca poderán chegar. Cada prego é irrepetible. As nosas engurras e as nosas pegadas dactilares fannos únicos. Dito doutro xeito, estas artistas resaltan a importancia da materialidade dúctil nun mundo virtual onde o prego é un elemento clave na ruptura do ilusionismo pictórico e dixital, facendo a pintura máis pintura.

Artistas

Alberto Ardid

Manuel Balsas

Julio Catalán

Sabela Condesa

Isis Huerga

Tatiana Lameiro

Sol Mussa

Andrea Otero

Sara Piñeiro

Cristina Souto

Goa Vázquez

Ruth Vidal