XVI Noites de Música Antiga: Iberian Ensemble

Venres 24 de xullo de 2026, ás 19:00 h, no Edificio Castelao

XVI Noites de Música Antiga: Iberian Ensemble

A formación portuguesa ofrece un concerto centrado no estilo galante, un modo de facer que se despregou por toda Europa entre 1730 e 1770 e que se caracteriza pola claridade da súa expresión e por estar máis dirixido a unha recepción sensual e inmediata que á abstracción intelectual. É o estilo da aristocracia das festas galantes, da celebración e do gozo dos praceres dos sentidos.

Neste estilo sitúanse os compositores do programa deste concerto, no que soarán pezas de Johan Joachim Quantz, Joan Baptista Pla, Josep Pla e Carl Philipp Emanuel Bach.

Iberian Ensemble foi fundado en 2012 por Alexandre Andrade co obxectivo de xunguir a investigación musicolóxica e a interpretación da música ibérica dos séculos xvii, xviii e xix. A formación participou en prestixiosos festivais de música antiga en Portugal, España, Reino Unido, Croacia, Serbia, República Checa ou Grecia.

As e os seus membros son intérpretes cunha ampla formación académica especializada na música antiga en diversas institucións europeas e americanas. Ademais de formar parte deste grupo, desenvolven carreiras artísticas propias noutros ámbitos e espazos, o que lles confire unha elevada cualificación profesional e proxección.

Iberian Ensemble está composto por:

  • Alexandre Andrade, dirección artística e frauta barroca;
  • Marina García-Bouso, violín barroco;
  • Karen Barbosa, violonchelo barroco;
  • Ivan Oliveira, tiorba e guitarra barroca;
  • Catarina Sousa, clavecín.