Seminario: Museos provinciais. Á procura dun relato común

Venres 21 de abril, de 10:00 a 14:00 h e de 16:30 a 20:00 h no Edificio Castelao

SEMINARIO: MUSEOS PROVINCIAIS. Á PROCURA DUN RELATO COMÚN

Debuxo de Xosé Filgueira Valverde, 1932

O acceso ao seminario é libre. Entregaráselles un certificado de asistencia ás persoas que se inscriban ata o 20 de abril en reservas.museo@depo.gal.  

A orixe do museo moderno sitúase no marco do espírito da Europa ilustrada. O interese pola educación, a socialización dos bens privados e a conservación do patrimonio contribúen á aparición dunha institución que no seu desenvolvemento demostrou unha gran capacidade de adaptación ás transformacións sociais. A historia do museo é a historia da sociedade e dos seus valores. Permeable ás revolucións e ás crises, é unha institución vencellada aos cambios do seu tempo: non hai que esquecer que o museo, espazo oficial de produción do coñecemento, funcionou tradicionalmente como espello da norma social dominante. Polo tanto, non é inmune a decisións políticas, como as que favoreceron, dende finais do século XVIII, a proliferación de museos públicos, nacionais ou provinciais.

Os museos provinciais nacen para custodiar o patrimonio cultural que pasou a mans do Estado coas desamortizacións do século XIX. O contexto desamortizador provocou o desenvolvemento de políticas de protección do patrimonio, a creación de comisións de selección e inventariado dos bens expropiados e a aparición de museos provinciais, cuxa evolución foi desigual e a súa fundación prolongada no tempo. Algúns, como o Museo Provincial de Lugo ou o Museo de Pontevedra, que organizan este encontro, abren as súas portas xa no século XX, aínda que tamén como consecuencia da vontade proteccionista herdada das comisións de monumentos.

O seminario ‘Museos Provinciais. Á procura dun relato común’ propón un debate sobre a vixencia destas institucións e o lugar que ocupan no sistema museístico galego e estatal. A pesar das particularidades de cada museo, tanto a diversidade das coleccións que custodian, como o ámbito de representación territorial, supoñen retos compartidos. Que narracións se poden construír a partir das diferentes coleccións? Que implica a dimensión provincial como ámbito de actuación? Como cumprir a función investigadora do museo provincial tendo en conta a súa singularidade e a das súas coleccións?

PROGRAMACIÓN

Sesión de mañá. A orixe dos museos provinciais e o caso galego

  • 10:00-10:15. Presentación do seminario
    • José Manuel Rey García. Director do Museo de Pontevedra
  • 10:15-11:15. Estudo e presentación de casos
    • Aurelia Balseiro García. Directora do Museo Provincial de Lugo
    • José Manuel Rey García. Director do Museo de Pontevedra
    • Xulio Rodríguez González. Director do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense
    • Felipe-Senén López Gómez. Director do Museo Arqueolóxico da Coruña (1975-1996). Presidente da Asociación de Amigos dos Museos de Galicia
  • 11:15-12:00. Conferencia. Museos provinciais: o convidado extravagante
    • Luis Grau Lobo. Director do Museo de León
  • 12:00-12:30. Pausa para o café
  • 12:30-13:15. Conferencia. Os museos provinciais no sistema museístico galego
    • Felipe Arias Vilas. Director-conservador do Museo Provincial de Lugo (1974-1984), director do Museo do Castro de Viladonga (1983-2014), director xeral de Patrimonio Cultural na Xunta de Galicia (2005-2009)
  • 13:15-14:00. Coloquio

Sesión da tarde. As particularidades dos museos provinciais: narrativas, territorio, investigación

  • 16:30-17:30. Primeira parte. Narrativas museísticas do territorio: entre a epopea e a prosa
    • Susana Soto Aranzadi. Directora de San Telmo Museoa, Donostia-San Sebastián
    • María Auxiliadora Llamas Márquez. Conservadora do Museo de Cádiz e presidenta de ICOM España
    • Manuel Ramos Lizana. Director do Museo Arqueológico y Etnológico de Granada
  • 17:30-18:30. Segunda parte. Museoloxía e investigación desde as provincias
    • Jaime Vicente Redón. Director do Museo de Teruel
    • Virginia Garde López. Coordinadora general de Desarrollo de Públicos y Seguridad do Museo Nacional del Prado
    • Pilar Fatás Monforte. Directora do Museo Nacional y Centro de Investigación de Altamira
  • 18:30-19:00. Pausa para o café
  • 19:00-20:00. Coloquio e clausura

Vídeos