Seminario: Arquivos de Artistas. Ferramentas para a Investigación nos Museos

Venres 7 de xuño, de 10:00 a 13:00 h e de 16:00 a 19:30 h, no Edificio Castelao

obra de Cáccamo

 

O concepto de arquivo, xunto ao de documento, expandiuse nas últimas décadas coa crise dos grandes relatos, en paralelo ás discusións arredor da reescritura da historia e á introdución de narrativas alternativas. O cambio na relación entre arte e documento afecta as relacións entre o museo e o arquivo, que se foron aproximando. A localización, a adquisición, a conservación e a difusión de arquivos de artistas é unha liña de traballo que, dentro dos museos, permite escarvar no que quedou sen visibilidade para resitualo na historia da arte. Neste sentido, os arquivos resultan unha fonte de investigación moi eficaz para expoñer novos interrogantes.

O arquivo (na súa acepción tradicional, pero tamén os arquivos de artista, arquivos vivos, arquivos do común etc.) é un dispositivo e o formato central na política de exposición e adquisición de institucións coma o Museo Reina Sofía, o Artium Museoa, Museo de Arte Contemporánea do País Vasco, o Museo Nacional de Arte de Cataluña ou o Patio Herreriano,  Museo de Arte Contemporánea Española, que presentarán as súas liñas de traballo e casos de estudo neste seminario organizado con motivo da doazón do arquivo da artista Berta Cáccamo ao Museo de Pontevedra e como actividade de clausura da exposición Berta Cáccamo. Correspondencias de arquivo, articulada a través da forma ou do dispositivo arquivo, onde os documentos poden recombinarse e xerar narracións e significados novos.

Dirección: Juan de Nieves Lamas e Agar Ledo Arias
Esta actividade forma parte da programación que o Museo de Pontevedra lle dedica a Berta Cáccamo, falecida en 2018, con motivo da exposición Berta Cáccamo. Correspondencias de arquivo, que se pode visitar no Museo de Pontevedra do 12 de abril ao 9 de xuño.

Acceso libre

Entregaráselles un certificado de asistencia ás persoas que se inscriban previamente en reservas.museo@depo.gal.

PROGRAMA

MAÑÁ

10:00 h Presentación da xornada e das persoas participantes
Ángeles Tilve Jar, directora do Museo de Pontevedra

10:15 h “Berta Cáccamo: correspondencias de arquivo. Arquivo como escultura”
Juan de Nieves Lamas e Xosé María Álvarez Cáccamo, Legado Berta Cáccamo

11:00 h “Arquivos e museos, arquivos en museos: seis propostas para a próxima década”
Mela Dávila Freire, Escola Superior de Belas Artes de Hamburgo

11:45 h Descanso

12:15 h “Corpo de arquivo, tempo de museo”
Manuel Segade Lodeiro, Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía

13:00 h Mesa redonda
Modera: Agar Ledo Arias, Museo de Pontevedra

TARDE

16:00 h “Os artistas e os seus arquivos no MNAC: Anglada Camarasa como paradigma”
Eduard Vallès, Museo Nacional de Arte de Cataluña

16:45 h “Preservación da memoria e xeración de coñecemento: a xestión de arquivos no Museo de Arte Contemporánea do País Vasco Artium Museoa”
Beatriz Herráez e Elena Roseras, Artium Museoa, Museo de Arte Contemporánea do País Vasco

17:45 h Descanso

18:00 h “De cheos e baleiros: o arquivo como punto neurálxico da exposición Universo Ferrant”
Javier Hontoria, Patio Herreriano, Museo de Arte Contemporánea Española, e Irene García Chacón, Universidade de Valladolid

19:00 h Mesa redonda
Modera: Juan de Nieves Lamas, comisario da exposición Berta Cáccamo. Correspondencias de arquivo no Museo de Pontevedra

 

documentos

Vídeos