Presentación do facsímile de Os vellos non deben de namorarse
Martes 27 de outubro de 2026, ás 19:00 h, no Edificio Castelao
O Museo de Pontevedra presenta o facsímile que vén de editar de Os vellos non deben de namorarse, a obra de teatro escrita e ilustrada por Castelao. Intervirán na presentación a directora da institución, Ángeles Tilve, e o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo.
Esta publicación contén tres volumes: dous correspóndense coas edicións facsimilares dos dous manuscritos conservados no Museo de Pontevedra e o terceiro reúne catro estudos sobre esta obra. A primeira versión manuscrita, ilustrada e encadernada en pel, é a que o artista lle regalara ao seu grande amigo Rodolfo Prada en 1940. A versión definitiva e que se publicaría finalmente consérvase nun estoxo co texto e coas ilustracións sen encadernar.
A publicación está editada a través dun acordo con Galaxia Editorial. Os estudos sobre a obra inclúen un texto de Ángela Comesaña, responsable de Publicacións do Museo de Pontevedra, no que analiza detalladamente os dous manuscritos que se conservan no museo. Henrique Monteagudo presenta unha exhaustiva análise sobre a xestación da obra a partir da información contida nestes manuscritos, así como as correccións, engadidos e comparacións entre ambas as versións. O dramaturgo Roberto Pascual ofrece unha lectura sobre esta peza de Castelao como proxecto artístico transformador que acadou unha singular transcendencia para a cultura galega desde os puntos de vista social e simbólico. Por último, Miguel Anxo Seixas Seoane relaciona no seu estudo a biografía de Castelao coa súas facetas como escritor e debuxante, condensadas en Os vellos non deben de namorarse.
