Ciclo de cine María Luisa Bemberg: Camila
Sábado 5 de decembro de 2026, ás 19:00 h, no Edificio Castelao
O Consulado Xeral da República Arxentina en Vigo e o Museo de Pontevedra dedícanlle un ciclo de proxeccións á cineasta arxentina María Luisa Bemberg. Este reunirá as catro primeiras longametraxes da directora, que se proxectarán en orde cronolóxica os sábados, do 21 de novembro ao 12 de decembro. Ademais, contará coa colaboración do Arquivo María Luisa Bemberg e Lita Stantic Producciones.
Camila
Arxentina e España, 1984 · 105 min
Baseada en feitos reais, a película narra a historia de Camila O’Gorman, unha moza da sociedade porteña, e Ladislao Gutiérrez, un sacerdote. En tempos de Juan Manuel de Rosas, ambos os dous deciden fuxir xuntos, e a súa relación convértese nun asunto público.
Dirección: María Luisa Bemberg
Guión: María Luisa Bemberg, Beda Docampo Feijóo e Juan Bautista Stagnaro
Elenco: Susú Pecoraro, Imanol Arias e Héctor Alterio
Sobre María Luisa Bemberg
María Luisa Bemberg (Bos Aires, 1922-1995) foi unha guionista e directora pioneira do cinema arxentino, nunha época na que poucas mulleres dirixían películas no país. Cunha mirada crítica e cun humor sutil, ampliou o lugar das mulleres no cine arxentino, tanto diante coma detrás da cámara. A súa obra alcanzou recoñecemento internacional con Camila, coprodución entre Arxentina e España nomeada ao Óscar á mellor película estranxeira en 1985.
