O ciclo Ao Son do Piano volve ao Museo de Pontevedra cos concertos de Javier Otero Neira, Elsa Muñiz e Paula Ríos

Comeza este sábado ás 12:30 h no Edificio Castelao coa actuación de piano e electrónica de Javier Otero Neira, e seguirá o mércores 11 con Elsa Muñiz

03/02/2026

O Museo de Pontevedra organiza a terceira edición de Ao Son do Piano, un ciclo de concertos de música clásica contemporánea arredor do piano de cola do Museo. A programación deste ano inclúe tres actuacións: Javier Otero Neira o sábado 7 de febreiro ás 12:30 h, Elsa Muñiz o mércores 11 de febreiro ás 19:00 h e, xa en marzo, Paula Ríos. Todas elas serán no Edificio Castelao, con acceso libre ata completar a capacidade.

Abrirá o ciclo este sábado ás 12:30 h Javier Otero Neira, coa súa proposta na que mestura piano e electrónica. Otero defínese como un artista polifacético, de formación clásica pero interesado en todo tipo de músicas. En directo toca o piano e sintetizadores acompañado por Rubén Iglesias, que toca o baixo eléctrico e tamén sintetizadores. Unha posta en escena que conxuga a vangarda coa esencia do piano e da música electrónica.

Otero Neira iniciou os seus estudios na Estrada e rematounos no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid. Neses anos forxou a súa personalidade como músico e pianista e desenvolveu o seu interese polos novos formatos de concertos e polas novas músicas. Gañador de primeiros premios en concursos nacionais e internacionais, gravou para RNE Radio Clásica, a Radio Galega, a TVE, a TVG e a televisión croata. Desde hai anos apostou pola creación do seu propio selo discográfico, co que sacou ao mercado varios álbums. No 2022 publicou Saraiba, que o levou a realizar unha versión orquestral para a Real Filharmonía de Galicia co seu proxecto Xogo de espellos.

Javier Otero Neira

Elsa Muñiz

A segunda actuación será a de Elsa Muñiz o mércores 11 de febreiro ás 19:00 h. Ela é a creadora do pianotelling: unha fusión de piano, caligramas e microrrelatos. Preséntao nun espectáculo inmersivo e emocionante no que interpreta os temas orixinais do seu álbum New Beginnings.

A formación musical sólida, con estudios en conservatorios e universidades galegas e estranxeiras, e a súa paixón pola literatura converxen en Elsa Muñiz nunha experiencia artística única. En 2025 publicou New Beginnings, un disco sobre a superación e a renovación persoal. Son nove composicións orixinais para piano que inclúen caligramas inspirados en cada peza musical e microrrelatos que acompañan as melodías.

Elsa Muñiz

En marzo, Paula Ríos

O ciclo pecharase o mércores 18 de marzo ás 19:00 h coa homenaxe de Paula Ríos á música da Xeración do 27. Descrita como unha intérprete de forte personalidade, refinada técnica e orixinalidade nas súas propostas, unha das facetas de Paula Ríos é a investigación do repertorio do nacionalismo e das vangardas en España. Neste concerto interpretará a Rosa García Ascot, Ernesto Halffter, Juan José Mantecón, Gustavo Pittaluga, Rodolfo Halffter, Manuel Blancafort e Manuel de Falla.

Paula Ríos