Ao son do piano. Javier Otero Neira: piano + electrónica

Sábado 7 de febreiro de 2026, ás 12:30 h, no Edificio Castelao

Javier Otero

Javier Otero defínese como un artista polifacético, de formación clásica pero interesado en todo tipo de músicas. En directo toca o piano e sintetizadores acompañado por Rubén Iglesias, que toca o baixo eléctrico e tamén sintetizadores. Unha posta en escena que conxuga a vangarda coa esencia do piano e da música electrónica.
Otero Neira iniciou os seus estudos na Estrada e rematounos no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid. Neses anos forxou a súa personalidade como músico e pianista e desenvolveu o seu interese polos novos formatos de concertos e polas novas músicas.
Gañador de primeiros premios en concursos nacionais e internacionais, gravou para RNE Radio Clásica, a Radio Galega, a TVE, a TVG e a televisión croata. Desde hai anos apostou pola creación do seu propio selo discográfico, co que sacou ao mercado varios álbums. No 2022 publicou o seu disco Saraiba, que o levou a realizar unha versión orquestral para a Real Filharmonía de Galicia co seu proxecto Xogo de espellos.