Debuxar coa luz. A fotografía en Pontevedra no século XIX
Comisarias: Cristina Echave Durán e Reis Camiña Castro
Entre 1843 e 1900, Pontevedra viviu a chegada e consolidación dunha nova arte e oficio: a fotografía. Este período ―marcado por profundas transformacións sociais e urbanísticas― foi tamén o escenario onde xurdiron as e os primeiros fotógrafos, que coas súas cámaras retrataron non só as e os seus habitantes, senón tamén o pulso dunha cidade que se ía transformando.
Antes da aparición da fotografía, pintoras e pintores e miniaturistas encargábanse de perpetuar os rostros e preservar a memoria das persoas. Coa difusión dos primeiros procesos fotográficos ―daguerrotipos, ambrotipos e talbotipos―, gran cantidade destes artistas substituíron o pincel pola cámara fotográfica.
Nos seus inicios, a fotografía estivo intimamente ligada ao retrato. As e os retratistas ―herdeiros da tradición pictórica― convertéronse en artesáns da luz, combinando con precisión técnica e sensibilidade estética. Coidaban a iluminación, a pose e o decorado para intentar transmitir dignidade e carácter e ofrecían a posibilidade de perpetuar a identidade nun formato duradeiro e alcanzable.
Entre os miniaturistas que se pasaron á fotografía destacan o compostelán Andrés Cisneros e o vigués Manuel Ricaud. Nesta exposición preséntanse dous talbotipos da súa autoría, pezas especialmente valiosas pola súa rareza, xa que apenas se conservan obras súas que chegasen ata os nosos días.
A partir de mediados do século XIX, Pontevedra comeza a recibir as e os primeiros fotógrafos itinerantes, que máis tarde se estableceron aquí e consolidaron a profesión. Con eles chega a tarxeta de visita, un pequeno retrato que permitiu a difusión masiva da imaxe persoal e familiar, e que converteu a fotografía nun obxecto coleccionable, o que lle deu orixe á denominada “cartomanía”. Retratarse pasou a ser un ben accesible para amplos sectores da sociedade.
Para atender a crecente demanda, chegan profesionais itinerantes coma J. Martínez, os irmáns Guiard, Manuel Antonio Vales, Alonso Montenegro, Evaristo López ou Ramón Buch. Ao mesmo tempo, xorden os primeiros fotógrafos locais, coma Vicente del Villar Cousiño.
A partir de 1870, grazas ás melloras técnicas que contribuíron a estender o uso da fotografía, aumenta o número de fotógrafas e fotógrafos que se establecen en Pontevedra. Aínda que boa parte das e dos novos profesionais son foráneos ―Patricio Bocconi; posteriormente a súa viúva e fillo; Eliseo Segond; Francisco Prieto; Francisco Zagala; José Gutiérrez ou Carlos Fuentes―, aparecen fotógrafas e fotógrafos locais coma Alfredo Estoup, Juan Caramés, Adolfo Vázquez, Joaquín Pintos e Generosa Carballo Silva, unha das primeiras pontevedresas dedicadas a esta profesión.
A fotografía transcendeu pronto o espazo íntimo do estudio. As e os fotógrafos dirixiron a súa mirada cara á cidade e á súa contorna, e asumiron progresivamente funcións próximas á reportaxe gráfica. Entre as imaxes máis antigas conservadas de Pontevedra destacan unha vista da praza de Tetuán, realizada ao redor de 1859, así como varias panorámicas que permiten apreciar a evolución urbana ao longo do tempo.
Neste ámbito sobresae a figura de Francisco Zagala. A súa serie Pontevedra Artística e Pintoresca constitúe un valioso testemuño da paisaxe urbana e monumental. As súas imaxes combinan sensibilidade estética e rigor documental, e difunden unha visión moderna e á vez romántica da cidade. Zagala foi, ademais, o autor do álbum Recordo de Pontevedra (1883), considerado o primeiro no seu xénero realizado en Galicia.
A fotografía atopou tamén un espazo relevante na ciencia e no estudo do patrimonio. A Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra utilizouna como ferramenta de documentación e divulgación de monumentos e achados, co que creou un arquivo de grande importancia para a cidade e a provincia. No ámbito médico, profesionais coma os doutores Cobián Areal e Celestino Poza incorporaron a fotografía como instrumento de observación, diagnóstico e ensino.
Así mesmo, a finais do século XIX Pontevedra atraeu fotógrafas e fotógrafos profesionais e afeccionados estranxeiros, entre os que destaca Hubert Vaffier, que visitou a cidade cara a 1889-1890, no marco dunha expedición de interese científico e artístico.
As últimas décadas do século foron escenario dun novo ámbito de difusión: a prensa ilustrada local. As publicacións e revistas periódicas comezaron a incorporar imaxes, o que reforzou a función informativa e documental da fotografía. Neste terreo sobresae Enrique Labarta, pioneiro en Galicia non só por introducir a fotografía nas súas publicacións, senón tamén por ser o primeiro en empregalas con fins publicitarios. Labarta, fotógrafo afeccionado, contou coa colaboración de profesionais coma Francisco Zagala, Alfredo Estoup e Juan Caramés.
As e os fotógrafos que traballaron en Pontevedra durante o século XIX foron testemuñas e protagonistas da súa transformación. Coas súas imaxes construíron a memoria visual dunha cidade que se miraba a si mesma a través da luz.