Visita guiada: “A represión feminina na Guerra Civil a través da mirada de Castelao”

Xoves 6 e venres 7 de marzo, ás 18 h, no Edificio Castelao

visitas guiadas o 8M

Pola conmemoración do 8M, Día Internacional das Mulleres, o Museo de Pontevedra programa dúas visitas guiadas a cargo de Helena Rodríguez Villar, investigadora e membro do Departamento de Educación do Museo de Pontevedra. As visitas son de acceso libre, sen necesidade de inscrición previa.

Os Álbums de guerra de Castelao son unha extraordinaria fonte de información sobre os terribles episodios acontecidos no noso territorio nos anos centrais da guerra civil española. Compóñense dun total de trinta e un debuxos, realizados e editados en Valencia e Nova York entre 1937 e 1938, protagonizados por mulleres, homes, nenas e nenos que sufriron nas súas propias carnes os abusos de poder, a política do medo e a violencia física e psicolóxica.

A visita guiada centrarase naquelas imaxes protagonizadas por mulleres, co ánimo de levar a cabo unha aproximación a un tipo de represión moi específica, unha represión sexuada, dado que foi exercida exclusivamente sobre a muller co obxectivo de sinalar e castigar aquelas que se apartaron do canon feminino.