Seminario Estudos e Reflexións sobre Patrimonio Cultural. José María de Labra (1925-1994)

Venres 11 de abril de 2025, de 16:30 a 20:00 h, no Edificio Castelao

labra

O seminario Estudos e Reflexións sobre Patrimonio Cultural é unha iniciativa do Museo de Pontevedra que se iniciou no ano 2023. A súa primeira edición dedicouse á memoria da profesora Ana Goy Diz, a primeira catedrática de Historia da Arte que tivo a Universidade de Santiago de Compostela no seu campus de Lugo.

Estudos e Reflexións sobre Patrimonio Cultural é un proxecto de carácter transversal e integrador que nace co propósito de abordar a obra de artistas, creadoras e creadores e profesionais vinculados ao ámbito do patrimonio cultural, dedicados ao seu estudo, investigación, xestión e difusión.

O obxectivo é xerar un foro de encontro e debate, un marco de reflexión desde o que abordar diferentes aspectos relacionados con ese patrimonio e legado que sentimos parte dunha memoria colectiva e identidade dunha comunidade que se constrúe socialmente. Un testemuño irrenunciable cuxa protección, coñecemento e estudo requiren necesariamente dun labor activo.

A presente edición do seminario conmemora o centenario do nacemento de José María de Labra, artista coruñés de carácter interdisciplinar e polifacético cuxa obra conseguiu fusionar e integrar pintura, escultura e deseño. De Labra destacou axiña como un magnífico debuxante. Ao longo da súa traxectoria plástica soubo renovarse e evolucionar desde unha tendencia de liña poscubista cara á abstracción xeométrica e o construtivismo, sen deixar nunca de lado a que foi a súa primeira vocación: a arquitectura. Actualmente, está considerado como un dos renovadores da arte abstracta e xeométrica, autor dunha obra que influíu en xeracións posteriores de artistas.

De Labra obtivo numerosos recoñecementos ao longo da súa carreira, coma a medalla de ouro na primeira Bienal Internacional de Arte Sacra de Salsburgo, o Premio Uruguai na II Bienal Hispanoamericana de Barcelona, o Premio Imperio na Coruña ou a pensión de paisaxe da Escola de Belas Artes de Madrid. A súa obra está presente na colección de institucións coma o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, o Museo de Arte Abstracta Español de Cuenca, o Museo de Belas Artes da Coruña e o Museo de Pontevedra.

Estas xornadas pretenden afondar no estudo da súa obra desde diferentes perspectivas. José Manuel García Iglesias, María Isabel García García, Daniel de Labra, José de la Mano e Iñaki Martínez Antelo tratarán de aproximarnos a De Labra tanto desde unha dimensión humana e persoal que permita evocar a súa personalidade coma desde outra, profesional ou artística.

Cremos necesario revisar o seu legado? Por que debemos recuperar determinadas figuras artísticas que quedaron relegadas no esquecemento? Podemos debuxar ou redefinir a súa traxectoria plástica desde unha visión renovada? Como impulsar a súa revalorización, coñecemento e difusión?

O acceso ao seminario é libre. Entregaráselles un certificado de asistencia ás persoas que se inscriban previamente en reservas.museo@depo.gal.

 

PROGRAMA

16:30 h. Presentación do seminario

Ángeles Tilve Jar, directora do Museo de Pontevedra

 

16:45 h. Primeira parte 

José Manuel García Iglesias: “José María de Labra, entre a figuración e a abstracción. Dous modos de facer no seu legado artístico”

María Isabel García García: “Signos plásticos para unha obra de arte total”

 

18:15 h. Pausa

 

18:35 h. Segunda parte    

Daniel de Labra e José de la Mano: “O legado de José María de Labra”

Iñaki Martínez Antelo: “Exposición Correspondencias: José María de Labra”

 

19:30 h. Quenda de preguntas e peche do seminario

Moderan: Agar Ledo Arias e Diana Duo Ramila