Conferencia do arqueólogo Agustín Azkarate sobre arqueoloxía da arquitectura

Luns 25 de setembro ás 19:00 h na igrexa do Convento de Santa Clara

Convento de Santa Clara

Agustín Azkarate

A igrexa do convento de Santa Clara acolle o próximo luns 25 de setembro ás 19:00 horas a conferencia aberta ao público ‘A Arqueoloxía da Arquitectura, unha oportunidade para a innovación en Patrimonio e Paisaxes Culturais. Experiencias desde a Universidad del País Vasco’. O recoñecido arqueólogo Agustín Azkarate será o encargado de impartila.

Agustín Azkarate Garai-Olaun (Elorrio, 1953) é catedrático de Arqueoloxía na Universidad del País Vasco UPV/EHU, licenciado pola Universidad de Zaragoza e doutor pola UPV/EHU. É director do Grupo de Investigación en Patrimonio Construido da Universidad del País Vasco e director da Cátedra UNESCO de Paisaxes Culturais e Patrimonio.

A súa principal liña de investigación céntrase na valoración e xestión integral do Patrimonio Cultural Inmoble. Director científico do plan de renovación da Catedral de Santa María de Vitoria-Gasteiz, o seu plan director recibiu o European Union Prize for Cultural Heritage, Outstanding Studies en 2002 e en 2019 o Premio ao Patrimonio Arqueolóxico Europeo por "Catedral Santa Maria de Vitoria-Gasteiz OPEN FOR WORKS-OBRETAN ETA IREKITA- ABIERTO POR OBRAS", concepto creado por este equipo de traballo e que actualmente se utiliza internacionalmente.

A conferencia forma parte do programa do curso de extensión universitaria ‘O estudo interdisciplinar das construcións históricas. Arqueoloxía da arquitectura, historia da arte e documentación histórica’, organizado pola Universidade de Vigo e a Universidade do Minho, coa colaboración da empresa A Citania Arqueoloxía, da Deputación de Pontevedra e do Museo de Pontevedra.