Conferencia de Ofelia Rey Castelao: ‘Emancipación e transgresión. Mulleres nos conventos na Idade Moderna’

Xoves 16 de marzo ás 20.00 h na igrexa do Convento de Santa Clara

Conferencia Ofelia Rey

A catedrática de Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela e Premio Nacional de Historia 2022, Ofelia Rey, imparte esta conferencia.

Na Idade Media fundáronse moitos mosteiros e conventos femininos, pero aínda máis na Idade Moderna. Foi un feito social e económico máis que relixioso: as fillas das familias ricas e poderosas eran metidas nos conventos cando eran nenas e alí quedaban para sempre, de non aparecer con quen casalas. As familias pagaban unha dote para que fosen admitidas, pero a cambio elas renunciaban á súa herdanza e á vida familiar. Neses encerramentos levaban unha vida acomodada e sen grandes preocupacións grazas a que as casas monacais –que cobraban fortes rendas- eran amplas e estaban ben fornecidas, a comida era abundante e de calidade, o vestido non se limitaba ao hábito e as celas tiñan comodidades. Por outra banda, as esixencias relixiosas eran bastante levadeiras, non tiñan que traballar e as monxas mantiñan unha relación co mundo de fóra mediante as visitas de parentes e de persoas amigas, as criadas que entraban e saían e incluso novizas e profesas podían distraerse con certas diversións. Iso non quita que fose unha existencia imposta que algunhas monxas non foron quen de soportar: a disciplina non se cumpría por parte de moitas e houbo intentos de abandono, algúns deles moi famosos.

Ofelia Rey Castelao é catedrática de Historia Moderna na Universidade de Santiago de Compostela desde 2002. Nesta universidade licenciouse (1978) e doutorouse (1984), nos dous casos con premio extraordinario. É directora de Estudos da École des Hautes Études en Sciences Sociales e profesora invitada en Sorbonne Université, ademais das universidades de La Plata y PUC de Chile. Dirixiu dúas ducias teses doutorais e máis de 25 proxectos internacionais e foi directora de Obradoiro de Historia Moderna; forma parte do comité científico de trinta revistas españolas, francesas, arxentinas e mexicanas e foi vogal da International Commission of Historical Demography. Unha parte da súa vida académica estivo centrada na xestión de proxectos na Axencia Estatal de Investigación e noutras axencias de avaliación autonómicas e do estranxeiro. Suma 12 libros como autora –un deles traducido ao francés-, dez como coautora e máis de trescentas publicacións en oito países europeos e en México, Arxentina, Brasil ou Chile. Como recoñecemento á súa traxectoria, en 2011 foille concedido o premio Wonemburger (Xunta de Galicia); en 2017 entrou na Academia da Historia de Portugal; en 2021 a Fundación de Historia de España de Arxentina dedicoulle un libro monográfico e en 2022 o seu libro El vuelo corto. Mujeres y migraciones en la Edad Moderna, publicado pola USC, foi galardoado co Premio Nacional de Historia 2022.

Vídeos