Conferencia de Germán Labrador: ‘Galicia e os fantasmas coloniais’

Xoves 11 de maio ás 20 h na igrexa do Convento de Santa Clara

Luis Seoane. Collage incluído en Galicia Hoy

Luis Seoane. Collage incluído en Galicia Hoy. París: Editions Ruedo Ibérico, 1966. Cortesía da Fundación Luis Seoane

O catedrático do Departamento de Español e Portugués da Universidade de Princeton en excedencia e actual director de Actividades Públicas do Museo Reina Sofía, Germán Labrador Méndez, imparte a conferencia ‘Galicia e os fantasmas coloniais. Unha conversa pendente sobre museos, memoria e democracia’.

Nos últimos anos están a emerxer na esfera pública múltiples demandas a propósito dos pasados coloniais e das súas herdanzas contemporáneas en clave de desigualdade, violencia e racismo. Toman, en cada lugar, formas e intensidades diferentes, pois tamén refiren experiencias diversas. Os legados materiais, corporais e simbólicos do colonialismo remiten a unha historia de conquista, dominación, intervencionismo e escravitude, consubstancial ao desenvolvemento global da Modernidade e, como tal, obxecto de interesado esquecemento. A recente emerxencia dixital de novos movementos antirracistas e migrantes tivo o seu impacto tamén no contexto do Estado español, actualizando nas nosas coordenadas conversas e reclamacións xa habituais en Francia, Inglaterra, Alemaña ou os Estados Unidos. Ademais da complexa memoria do Imperio Hispánico, o esquecemento da trata humana no século XIX e as guerras coloniais no Rif, Sahara e Guinea, constrúen, para o caso de España, un legado de violencia e dominación que a ditadura franquista deu sublimado. O estado democrático non foi quen de conxurar aínda estes fantasmas, máis urxentes hoxe precisamente no contexto dunha sociedade multicultural globalizada.

Nesta intervención defenderemos dun lado que os museos son, na súa condición de cámaras de ecos das nacións, un lugar fundamental para afrontar esta cuestión pendente. Non obstante, as coordenadas nas que abrir esta conversa no contexto galego son particulares, pois participan dunha relación específica co universo atlántico e coas repúblicas latinoamericanas, a partir do feito radical da migración. Ademais, non é posible esquecer tampouco a existencia de evidentes elementos endocoloniais que explican tamén a propia configuración cultural galega, tal e como se espella na arte e no patrimonio.

Germán Labrador Méndez, catedrático do Departamento de Español e Portugués da Universidade de Princeton en excedencia, é o actual director de Actividades Públicas do Museo Reina Sofía. As súas investigacións no ámbito da historia cultural especialízanse no estudo dos mundos ibéricos na época contemporánea, a partir das relacións entre estética e política, cidadanía e memoria. É o autor, entre outros libros, de Letras arrebatadas. Poesía y química en la transición española (Devenir, 2009) e Culpables por la Literatura. Imaginación política y contracultura en la transición española (1968-1986) (Akal, 2017). Foi un dos comisarios da exposición Poéticas de la democracia. Imágenes y contra-imágenes de la transición española (MRS 2018-2020) e colaborou como asesor na nova presentación da Colección do Museo Reina Sofía. Ten publicado máis dun centenar de edicións, artigos de investigación, capítulos de libros e outros textos académicos. Acaba de comisariar as exposicións Sempre máis. Arte, ecoloxía e protesta na Galicia do Prestige, co colectivo Unha Gran Burla Negra, e mais El Tragaluz democrático. Poéticas de vida y muerte en el Estado español (1868-1976) (Arquerías de Nuevos Ministerios, 2023). Na actualidade dirixe a primeira edición de Tejidos Conjuntivos. Título propio del MRS en Estudios Culturales, Museología Crítica y Práctica Artística de Investigación.

Vídeos