Conferencia: ‘A obra de Francisco Asorey no Museo e a cidade de Pontevedra’

Impartida por Maribel Iglesias Baldonedo o xoves 18 de abril, ás 19:30 h, no Edificio Castelao

Escultura miña naiciña de Francisco Asorey

Naiciña. 1922. Francisco Asorey González (1889-1961)

Nesta conferencia farase un percorrido pola abundante obra de Francisco Asorey que existe no Museo e na cidade de Pontevedra. Son pezas de todas as súas etapas artísticas, polo que o percorrido permitirá explicar as claves da traxectoria do escultor e as principais influencias artísticas que recibiu.

Hai obras no Museo de Pontevedra que corresponden á súa estancia en Madrid, nos inicios da súa carreira. Outras, como a escaiola de ‘Naiciña’ ou o ‘Tesouro’ son da etapa dos anos 20, xa en Galicia, e na que triunfa nas Exposicións Nacionais de Belas Artes de Madrid e vese moi influído polo ideario nacionalista das Irmandades da Fala. O busto do violinista Quiroga corresponde tamén a esta etapa. E, finalmente, o busto de Calvo Sotelo ou o Monumento a Cabanelas corresponden á etapa final que coincide coa posguerra e chega a 1961, ano en que morre.

Maribel Iglesias Baldonedo naceu en Caracas, Venezuela, en 1964. É filla de emigrantes galegos procedentes de Lalín, Pontevedra, que á volta se instalan en Santiago de Compostela. Alí estuda Xeografía e Historia e licénciase en 1987. Aproba as oposicións en 1988 a profesora de secundaria e consegue o destino definitivo en Cambados en 1991. Traballa primeiro no IES Ramón Cabanillas e oito anos despois trasládase ao IES Francisco Asorey, onde segue a día de hoxe.

Interesoulle desde sempre a historia local e dála a coñecer entre o seu alumnado: ir do particular ao universal. En relación a isto está o traballo Cambados, 100 anos de historia a través da fotografía (2005), que fixo xunto a alumnado e profesorado do centro educativo, e que obtivo un premio á innovación educativa da Xunta de Galicia. Nesa liña seguiron os libros Ramón Cabanillas, biografía en imaxes (2008) e Francisco Asorey, escultor galego (2018), publicado este último a partir da tese de doutoramento que defendeu na USC en marzo de 2016 e pola que obtivo a cualificación de sobresaliente cum laude.

Constitúe xunto coa familia Gil de la Peña e De Laiglesia Gil, a Asociación cultural Amig@s de Fefiñáns, da que é presidenta, co obxectivo de estudar, protexer e divulgar o patrimonio do Pazo de Fefiñáns e da súa contorna, que é todo O Salnés. Nesa liña vai a publicación do libro Pazo de Fefiñáns. Historia e arte en 2021. Esta asociación publica semestralmente baixo a súa dirección un boletín, O Umia, con artigos variados e de colaboradores de prestixio, sobre o patrimonio histórico, artístico, científico e natural do Salnés.