Concerto: Gustavo Almeida & amigos

Martes 23 de abril, ás 19 h, no Edificio Castelao. Con reserva de praza previa.

Concierto: Gustavo Almeida & amigos

O concerto é de balde e con capacidade limitada, polo que cómpre reservar praza en reservas.museo@depo.gal antes do 23 de abril ás 14 h. Cada persoa pode reservar ata dúas prazas e deberá indicar un número de teléfono de contacto.

O Museo de Pontevedra acolle a sétima edición do concerto Gustavo Almeida & amigos, no que se mesturan música e poesía. O cantante e compositor brasileiro estará acompañado no escenario da súa banda, do portugués Filipe Gonçalves e dos brasileiros Nathy Faria e Rodrigo Almeida, pola parte musical, e das escritoras Vicky Estévez e Elisabeth Oliveira, pola parte poética.

Gustavo Almeida (Río de Xaneiro, 1978) atesoura unha longa traxectoria; pasou a súa infancia e adolescencia no Brasil e de adulto asentouse en Europa, onde chegou aos 18 anos para xogar ao fútbol de maneira profesional. Non obstante, desde que unha lesión o apartou dos terreos de xogo, centrouse na súa outra vocación, herdada da súa nai, a recoñecida cantante brasileira Ellen de Lima. Almeida reside en Pontevedra e é autor de cinco discos, nos que compón e interpreta en castelán, portugués e galego.

No espectáculo estará acompañado de Filipe Gonçalves, natural dos Azores, que acaba de ser finalista no Festival da Canción de Portugal e de editar o disco Liberdade de Expressão, e que participou no último single de Gustavo Almeida: Quem. Tamén o acompañarán Nathy Faria, nacida en Minas Gerais e comparada polos medios brasileiros con Marisa Monte pola dozura e polo particular timbre da súa voz, e o cantante, actor e bailarín Rodrigo Almeida, irmán de Gustavo, quen completa a lista de colaboracións musicais do concerto. Ambos gravaron xuntos hai un ano o videoclip O céu sempre se abre.

A parte poética da actuación realizarana Vicky Estévez e Elisabeth Oliveira. Estévez é directora de teatro e escritora; recentemente publicou o libro Cartas de amor a un hijo que no me ama. Foi a encargada de dirixir o videoclip do single Qué pena, de Gustavo Almeida. Oliveira é unha escritora e profesora franco-portuguesa, autora de Poesis, un traballo poético-musical en catro linguas (portugués, francés, galego e castelán) do que Gustavo Almeida musicou tres poemas.