Ciclo de conferencias sobre a Semana Santa

Xoves 7, 14 e 21 de marzo no Edificio Castelao

Quinta Angustia. Óleo, ca. 1969-1970. Juan Luis (1894-1994)Quinta Angustia. Óleo, ca. 1969-1970. Juan Luis (1894-1994)

Este ano 2024 cúmprense 75 anos da restauración da Semana Santa de Pontevedra e da fundación da Confraría de Nuestro Padre Jesús con la Cruz a Cuestas. Con este motivo, o Museo de Pontevedra acolle un ciclo de tres conferencias no que se darán a coñecer diversos aspectos relacionados coa historia e a arte da Semana Santa en xeral e a de Pontevedra en particular.

Organiza: confraría de Nuestro Padre Jesús con la Cruz a Cuestas.

Dirixe: José Luis Ageitos, Departamento de Educación do Museo de Pontevedra e vicepresidente da confraría de Nuestro Padre Jesús con la Cruz a Cuestas.

Xoves 7 de marzo, ás 18:30 h no Edificio Castelao

Imaxes da Semana Santa pontevedresa na arte

Mateo Fontán Couto, arqueólogo e antropólogo cultural.

A Semana Santa de Pontevedra posúe unha dilatada historia, chegando as súas raíces a tempos medievais, para en 1949 dar paso ao actual cerimonial. No transcurso do tempo esta manifestación tradicional relixiosa deixou a súa pegada en diversas fontes artísticas: pintura, escultura, gravado, debuxo etc.  Preséntase nesta intervención unha ollada aos exemplos máis salientables da Semana Santa de Pontevedra na arte, así como unha breve contextualización.

Xoves 14 de marzo, ás 19:30 h no Edificio Castelao

A Virxe da Piedade a través da colección do Museo de Pontevedra

Paula Tilve Otero, responsable da área de Públicos do Museo de Pontevedra

A representación da piedade de María ante a morte do seu fillo Xesús vén sendo un dos temas esenciais do culto mariano na Igrexa católica, estando moi presente desde a Contrarreforma nos pasos procesionais da Semana Santa. Merecido é un paseo pola evolución desta advocación de fondo sentir popular, desde as súas orixes, ao longo da súa evolución no tempo, ata a actualidade, co influxo que segue a ter sobre artistas do noso tempo coma fonte de inspiración. Para este percorrido artístico seleccionáronse obras de gran interese histórico-artístico da colección do Museo, moitas delas vencelladas á man de importantes talleres e artistas de diferentes épocas. Sirvan como exemplo as obras de artistas galegos como Gregorio Ferro Requeixo, Juan Luis López ou Castelao.

21 de marzo, ás 19:30 h no Edificio Castelao

De ‘Nuestro Padre Jesús Caído’ a ‘Nuestro Padre Jesús con la Cruz a Cuestas’

José Luis Ageitos Míguez, departamento de Educación do Museo de Pontevedra e vicepresidente da confraría de Nuestro Padre Jesús con la Cruz a Cuestas.

O 31 de marzo de 1949, durante os traballos que levaron á restauración da Semana Santa de Pontevedra, un grupo de persoas decidiron fundar unha nova confraría penitencial que se sumase a esta iniciativa. Fundada inicialmente como Cofradía de Nuestro Padre Jesús Caído, poucos anos despois pasou a denominarse de Nuestro Padre Jesús con la Cruz a Cuestas. Así, nesta charla tratarase de presentar, de maneira resumida, a historia desta confraría nos seus primeiros 75 anos de vida.

Acceso libre