Curso: “Do Cine Clásico ao Cine Moderno”

Martes de febreiro, marzo, abril e maio, de 19:00 h a 20:30 h, no Edificio Castelao

Curso: “Do Cine Clásico ao Cine Moderno”

O curso “Do Cine Clásico ao Cine Moderno. Intuicións, Rupturas e Ecos dos Novos Cines da Modernidade (1950-1980)” traza un panorama xeral dos novos cines dos anos 60 do pasado século, sen esquecer as súas intuicións nos 50 e os seus ecos nos 70. Unha revolución que veu opoñerse ao chamado “cinema clásico” e marcou o comezo da modernidade, ese movemento que supuxo “unha auténtica sismografía no interior do edificio que chamamos historia do cinema”, en palabras de Domènec Font.

Pero, lonxe da opinión de que a modernidade sería unha especie de superación ou actualización do clasicismo, este curso defende que non é posible entendelos como dous compartimentos estancos e illados. Ao contrario: clasicismo e modernidade se solapan e alimentan entre si, e resulta imposible entender os achados e revolucións desta sen a tradición e historia daquel. Porque, como dixo alguén algunha vez, o moderno ha de conservar un vínculo secreto co clásico para non quedar no mero xogo da moda.

Así, ao longo do curso, Carl Theodor Dreyer, Ingmar Bergman, Robert Bresson, Roberto Rossellini, Nicholas Ray ou Orson Welles convivirán con Pier Paolo Pasolini, Jean-Luc Godard, Michelangelo Antonioni, Agnès Varda, Chris Marker, Philippe Garrel, Arthur Penn, Mike Nichols, Elaine May, Steven Spielberg ou Francis Ford Coppola, combinando sesións temáticas e transversais con outras monográficasdedicadas aos principais cineastas desas tres décadas. E en todas elas será primordial o uso de proxeccións de escenas e a análise de películas representativas para achegar este período decisivo da historia do cinema ás persoas asistentes.

Acceso

O acceso é libre. Entregaráselles un certificado de asistencia ás persoas que se inscriban previamente en reservas.museo@depo.gal e asistan como mínimo ao 70% das sesións.

José Manuel López

O curso é impartido por José Manuel López (Vigo, 1974), doutor en Comunicación e Información Contemporánea e profesor de Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo. En 2004 funda a revista de cinema Tren de sombras e desde o ano 2007 ao 2017 forma parte do consello de redacción de Caimán Cuadernos de Cine, anteriormente coñecida como Cahiers du Cinéma. España. En 2008 coordina o libro Naomi Kawase. El cine en el umbral e é autor de artigos tanto en revistas académicas (Fotocinema, L’Atalante, Quintana….) como de crítica de cinema, de relatorios en congresos e capítulos de libros.

Desde 2012 imparte cursos de cinema no Museo de Arte Contemporánea de Vigo e no Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago. Impartiu conferencias en espazos como Filmoteca Española, Master LAV, ESCAC, Filmoteca de Galicia, Seminci, Festival de Málaga ou o Centro das Artes de Sevilla. Comisariou exposicións e ciclos para Fundación Luis Seoane, Curtocircuito: Festival Internacional de Cinema de Santiago, Solar Galeria de Arte Cinemática e o festival de cinema Curtas de Vila do Conde (Portugal). En 2020 recibe o premio ao mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional outorgado pola Academia Galega do Audiovisual.

Programa completo

  • 4 de febreiro. O vello e o novo: o tránsito entre clasicismo e modernidade
  • 11 de febreiro. Intuicións da modernidade no cine europeo dos anos 50
  • 25 de febreiro. Radicais libres: Ingmar Bergman
  • 11 de marzo. Radicais libres: Robert Bresson
  • 18 de marzo. Roberto Rossellini e o Neorrealismo italiano
  • 25 de marzo. Radicais libres: Orson Welles
  • 8 de abril. A Nouvelle Vague (beira dereita): Jean-Luc Godard, François Truffaut, Éric Rohmer
  • 22 de abril. A Nouvelle Vague (beira esquerda): Alain Resnais, Agnès Varda, Chris Marker
  • 29 de abril. O novo cine italiano: Pier Paolo Pasolini, Michelangelo Antonioni
  • 13 de maio. A xeración post-Nouvelle Vague: Jean Eustache, Maurice Pialat e Philippe Garrel
  • 20 de mao. Novo Hollywood I: a modernidade europea desembarca en Hollywood
  • 27 de maio. Novo Hollywood II: os movie brats (Spielberg, Coppola, Lucas...) e o nacemento do blockbuster