As novas tendencias e a relación coa cidadanía centraron as intervencións no seminario sobre escultura galega contemporánea

A xornada de debate e reflexión celebrouse no Edificio Castelao cunha notable resposta do público. Rematou cunha visita á exposición ‘Silverio Rivas. Eloxio do silencio’ guiada polo artista e a comisaria

20/01/2023

FITUR 2023

O Museo de Pontevedra organizou, en colaboración da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, o seminario ‘A escultura galega contemporán oea. Estado da cuestión’. Desenvolveuse o xoves 19 de xaneiro no Edificio Castelao cunha importante asistencia de público.

A xornada foi presentada por Ángeles Tilve, responsable da Área de Coleccións do Museo de Pontevedra, que situou esta xornada dentro da liña de traballo do Museo de Pontevedra sobre a arte galega contemporánea. O seminario abordou, da man de investigadores e artistas, como evolucionou a escultura contemporánea en Galicia no século XX e cal é a situación da formación e o traballo escultórico na actualidade, ademais de revisar a obra de Silverio Rivas.

Miguel Anxo Rodríguez, profesor de Historia da arte na Universidade de Santiago de Compostela, pronunciou a conferencia ‘Breve historia da escultura contemporánea en Galicia’. Nela revisou 150 anos de escultura en Galicia, que arranca coa escultura decimonónica, que pervive ata o franquismo. A partir da década de 1950 conviven dous tipos de escultura: a de vangarda e figurativa e de temática popular.

Nos últimos 30 anos irrompen as novas prácticas artísticas, que enriquecen a escultura. “Estase reconfigurando a relación da cidadanía coa arte pública, outórgaselle un sentido novo ás esculturas, reapropiándose delas e dotándoas de novos significados”, sinalou. Para Rodríguez, “a escultura ten unha vocación pública moi evidente. Iso é un privilexio pero tamén supón un risco, porque as obras están expostas á intemperie en todos os sentidos; as sociedades cambian e tamén o fai a ollada coa que se perciben as esculturas”.

A mesa redonda ‘Falar da escultura hoxe’ reuniu a Amaya González Reyes, artista e profesora de Debuxo en educación secundaria e Basilisa Fiestras e Javier Tudela, ambos artistas e profesores do departamento de Escultura na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Coa moderación de Xosé Manuel Buxán Bran, decano da facultade, cada artista presentou as súas liñas de traballo, como se enfrontan ao feito creativo, e algunhas das súas obras máis representativas.

Un dos aspectos que motivou o debate foi o lugar da escultura na actualidade nos espazos expositivos. Javier Tudela falou da importancia de iniciativas alternativas con continuidade, como Caldarte. Amaya González expuxo o problema que supón almacenar obra escultórica e Basilisa Fiestras puxo o acento na necesidade de que existan espazos nos que expoñer para poder ver como conxunto todo o material que estás xerando como artista durante anos.

A última conferencia da tarde foi impartida por Beatriz de San Ildefonso. A conservadora de arte do Museo de Pontevedra, especialista en escultura, e comisaria da exposición ‘Eloxio do silencio’ repasou a traxectoria artística de Silverio Rivas e os aspectos que resultan determinantes para entender a súa obra: a monumentalidade, o interese pola natureza, a variación dos materiais, o gusto pola perfección, o misterio das formas articuladas, o uso da luz como material escultórico, a importancia do silencio etc.

O seminario concluíu cunha visita á exposición Silverio Rivas. Eloxio do silencio da man do propio artista e da comisaria.